Carne

Cunicultores denuncian as vendas a perdas que obriga ao peche de granxas

Os produtores galegos acusan a subida do prezo dos pensos e enerxía. Os altos custos de produción obrigan ás granxas para pechar ou deixar de inseminar ás nais

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 30/10/2022 7:39 a.m.

O prezo do coello en España pagouse de media no que levamos de ano a 2,20 euros o quilo vivo, un prezo que aínda sendo dos máis altos alcanzados sitúase aínda moi lonxe do custo de produción, que se estima entre 2,75 e 2,8 euros. “O prezo é alto, pero non chega para afrontar as subidas que experimentaron tanto os pensos como a enerxía e que fixeron que os custos de produción estean moi por encima do prezo de venda”, explica María Antonia Ramos, gandeira e presidenta de Progacun, primeira organización de produtores de carne de coello en Galicia.

A situación está a resultar crítica para a supervivencia do sector. “En Galicia pecharon granxas ao non conseguir afrontar pagos. Tamén se están adiantando as xubilacións. Producir a perdas levou a que nalgunhas granxas se déixase de inseminar ás nais, xa que non resulta rendible ter camadas con estes altos prezos de produción”, detalla Ramos. Galicia sitúase como a segunda comunidade produtora de carne de coello, por detrás de Castela e León.

Os produtores galegos levan meses denunciando o incremento dos custos de produción, debidos sobre todo á subida dos pensos e da enerxía. “Pasamos de pagar uns 300 euros por tonelada de penso a máis de 460 euros este mes. Levamos meses producindo a perdas, polo que aínda que agora haxa unha subida puntual, seguiremos nunha situación crítica se non se aborda o problema e se controla que non se venda a perdas”, valora Ramos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Peches de granxas en toda España

Os datos que manexan desde a organización agraria UPA en España dan conta da mesma realidade en todo o territorio nacional. En 2021 xa pechou un 9% das granxas españolas e apuntan que en 2022 a situación é aínda peor, polo que alertan de que o perigo dun peche masivo de explotacións é real.

“A produción de carne de coello en España xa descendeu un 7,8% en cantidade en 2021 respecto ao ano precedente, continuando a tendencia á baixa de anos anteriores, a pesar de que os prezos subiron un 4,6%”, detallan desde UPA. Cunhas 1.500 granxas en toda España, a cunicultura xerou en 2021 un valor de 166,9 millóns de euros.

Axudas e control por parte de Competencia

Desde o sector piden de novo a mediación do goberno para frear o peche de granxas. Así, desde UPA, que xa logrou a inclusión da cunicultura no programa de axudas do Goberno pola guerra de Ucraína, piden a convocatoria da mesa de negociación para frear a crise do sector.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A organización agraria tamén apelou á responsabilidade de matadoiros, intermediarios e distribución para pagar un mellor prezo aos produtores sen encarecer o produto aos consumidores. A organización agraria UPA lembrou ao líder da distribución en España, Mercadona, que non pode seguir vendendo o coello a un prezo moi inferior ao resto de cadeas. Isto forza as cotizacións á baixa, agravando a situación dos granxeiros.

Os produtores tamén reclaman que se eviten as vendas a perdas. “Necesitamos que a Aica actúe de oficio e controle o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria para evitar as vendas por baixo do custo. Os produtores non van denunciar ao seu cliente porque terían un problema para a súa produción, máis aínda como ocorre en Galicia onde só existen dous matadoiros”, valora Ramos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada