Forestal

Cuestionan un plan para plantar con eucalipto 534 hectáreas nas Pontes

O grupo socialista do Parlamento considera que carece de sentido prohibirlle ós pequenos propietarios plantar eucalipto “en tanto se favorecen grandes proxectos”

Campo Galego 31/05/2021 3:48 p.m.

A moratoria de novas plantacións de eucalipto a partir do 3 de xullo segue xerando polémica. O grupo socialista preguntou no Parlamento galego por un proxecto para plantar 534 hectáreas de eucalipto nas Pontes, en terreos da antiga mina. A iniciativa, a cargo da empresa Plafor, presentouse na Xunta a finais de febreiro, só 3 días despois de que o presidente da Xunta anunciase a futura moratoria.

De acordo coa prohibición temporal de plantar eucalipto, xa publicada no DOG, quedan exentos da prohibición os proxectos presentados antes de que entrase en vigor a moratoria e que finalmente sexan aprobados. O grupo socialista considera que se trata de “excepcións á carta que favorecen grandes proxectos, en tanto moitos pequenos propietarios non terán posibilidade de plantar nada de eucalipto”, en palabras do deputado Martín García Seco.

O parlamentario socialista avogou ademais por unha normativa sobre o eucalipto que non discrimine entre distritos forestais que xa teñen moito eucalipto, e que poderán seguir plantándoo alí onde estea a especie, e outros con pouca superficie. “Por que non facemos políticas para cambiar a paisaxe en todo o territorio?”, pregúntase.

Cortas de piñeiro e expansión do eucalipto
Tralo anuncio da moratoria a finais de febreiro, o deputado do PSdeG entende que se produciu unha sobrecorta de piñeiro para sustituír masas de coníferas por eucalipto antes da entrada en vigor da prohibición. É unha cuestión que, sen embargo, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, José Luis Chan, ve pouco relevante. “Nos primeiros catro meses do 2021 cortáronse 1.359.000 toneladas de piñeiro. É practicamente a mesma cifra que nos primeiros catro meses do 2019, 1.344.000 toneladas”, valorou.

Sobre a expansión das plantacións de eucalipto nos últimos meses, Chan considerou que o perigo foi tamén escaso. “Os viveiros galegos produciron o pasado ano 18 millóns de plantas de eucalipto que, a razón de 1.000 plantas por hectárea, darían para reforestar ou plantar 18.000 hectáreas”, explicou para indicar que este ano as cifras terían que ser similares.

Etiquetado
Ir a la portada