Gandeira e cooperativista de Clun, Isolina Raña Fraga (Cerceda, A Coruña) leva anos participando en proxectos de cooperación agraria con países en desenvolvemento. A súa experiencia de máis de 10 anos no Consello de dirección de Feiraco Pensos e Feiraco Lácteos, así como a súa formación especializada en gobernanza de entidades agrarias, foron determinantes para participar neste tipo de proxectos internacionais.
No seu día a día, Isolina xestiona unha gandería familiar que conta cunhas 80 cabezas de gando de vacún de leite en semiextensivo, cun desprazamento diario ós pastos.
O seu labor en cooperación internacional foi xa recoñecido con distincións, como a que lle entregaron o ano pasado no Encontro Nacional de Agripooler (cooperantes agrarios), que organiza Acodea, a primeira agriaxencia de cooperación internacional para o desenvolvemento agrario de fala hispana, coa que leva anos colaborando. Con ela coñecemos máis sobre esta colaboración que ofrecen profesionais do mundo agragandeiro galego para fomentar o cooperativismo noutros países.
-Cando comezou a involucrarse en proxectos de cooperación internacional agraria?
-Todo comezou no 2016, cando dende a agriaxencia de cooperación internacional Acodea me propoñen participar como agripooler (cooperante agraria) nunha experiencia en Nicaragua. Daquelas, como lle pasa aínda a moita xente hoxe, eu nin sequera sabía cal era a función de agripooler. Neste proxecto tratábase de facer un diagnóstico e asesoría sobre gobernanza na cooperativa Ríos de Auga Viva, centrada na produción de café e cacao. A experiencia foi moi gratificante ó descubrir que cun pouco que poidas aportar nestas xornadas pode significar tanto para estas entidades.
“Os agripoolers ofrecen un asesoramento entre iguais, polo que se tenta aportar solucións dende a empatía”
-Como ben dicía, a figura do agripooler é aínda moi descoñecida, cal é o seu cometido?
-Os agripooler son socios, empregados ou directivos de cooperativas agroalimentarias que transladan a súa experiencia e habilidades a outras entidades que o poidan precisar. Trátase dun asesoramento entre iguais, xa que a problemática á que teñen que facer fronte as entidades agrarias son similares, polo que se tenta conectar e aportar solucións dende a empatía. Estes agripoolers conforman unha rede baseada na aprendizaxe e no intercambio de experiencias para fortalecer asociacións agrarias que o soliciten.
-En que liñas se centrou o proxecto que desenvolveron en Nicaragua?
-Ó ser un proxecto centrado na asesoría e a gobernanza (o consello reitor), o primeiro é analizar as debilidades da entidade e identificar aqueles aspectos que se poderían potenciar para mellorar a súa xestión. Nese momento, nesa cooperativa o tema da gobernanza e a división de roles eran algúns dos aspectos nos que cumpría incidir. Faise un diagnóstico, confecciónase un plan de acción e por último faise un monitoreo e avalíase a súa evolución. Así, estes proxectos orixinan anos de cooperación.
“Os proxectos de cooperación internacional teñen unha gran acollida entre o persoal de Clun”
-Que acollida teñen este tipo de propostas entre os gandeiros de Clun?
-Xa con Feiraco e agora con Clun, este tipo de iniciativas sempre tiveron unha moi boa acollida. Así é que o ano pasado, a maioría dos técnicos galegos que participaron en proxectos con Acodea eran profesionais de Clun.
-Por que é importante para unha cooperativa como Clun, participar nestas iniciativas?
-Ademais do seu valor social, xa presente no ADN das cooperativas, este tipo de iniciativas permite ampliar a visión que se ten do sector vendo outras realidades e obrigan, moitas veces, a reflexionar sobre o xeito propio de traballar. Estas experiencias son moi enriquecedoras para ambas partes. De feito, a min persoalmente este tipo de experiencias permitíronme achegarme dun xeito moi directo a outros valores.
Estes proxectos fan que te deas conta de que as realidades das cooperativas son moi diferentes, porén os obxectivos que se perseguen son moi similares, o que fai que os participantes enseguida conecten, ó ver que hai moitos asuntos que os unen e que comparten. É realmente moi enriquecedor, tanto a nivel profesional como persoal, participar neste tipo de iniciativas. Aínda que sexamos nós os que prestamos o asesoramento, as outras cooperativas adoitan aportarnos moito tamén a nós. É moi gratificante ver que con pequenos xestos se pode mellorar a realidade de moitas persoas.
-Tamén participou doutras experiencias formativas con cooperativas do sector lácteo do norte de España e de Holanda, da man de Acodea. Que destaca diso?
-A xira foi todo un éxito polos logros que se acadaron na Federación Departamental de Produtores de Leite (Fedeple) de Santa Cruz (Bolivia) que, a través de visitas a ganderías galegas e asturianas, puideron buscar solucións a problemáticas que se lle presentan no seu día a día e que compartimos. Logo da xira implantaron medidas que afectaron á súa produción, á xestión dos seus recursos, á organización...
A cooperación permite ver que, a pesar de ser realidades moi diferentes, ó traballar dentro dun mesmo sector e ser a mesma actividade hai problemáticas comúns. No norte de España, o nivel do sector lácteo está entre os mellores de Europa, polo que a estas entidades a nosa experiencia élles de gran interese, non hai máis que recordar o peso que ten o sector lácteo galego no conxunto do Estado, xa que un 40% da produción de leite estatal é galega.
“A cooperativa é unha ferramenta de desenvolvemento, creación de riqueza e protección para os gandeiros e o seu entorno”
-Como gandeira, que aspectos valora de formar parte dunha das cooperativas máis importantes de Galicia como é Clun?
-Meu pai xa era socio de Feiraco e eu agora son socia de Clun. No noso caso mantivemos a tradición familiar. Para min é un orgullo ser cooperativista e creo que o proxecto de Clun é imprescindible para Galicia. De non ter existido Clun, a situación do sector lácteo galego sería moi diferente, e dende logo sería peor. Como gandeira, se estamos sós, os problemas acrecéntanse e xuntos é máis fácil facerlle fronte. A cooperativa é unha ferramenta de desenvolvemento, creación de riqueza e protección para os gandeiros e o seu entorno. Teño claro que a cooperación é necesaria e xuntos somos máis fortes.
[box style="0"]
[caption id="attachment_117599" align="aligncenter" width="660"]
“Se o país non fose autosuficiente en materia de alimentación, a corentena tería sido peor”
-Nestes momentos, en plena pandemia polo Covid-19, tamén ten participado en encontros virtuais de líderes cooperativistas de organizacións, tanto de Latinoamérica como de España, en que se centraron?
-A crise do coronavirus limitounos poder reunirnos de xeito presencial, pero nestes momentos aínda se volve máis importante este tipo de asesoramento, posto que a situación pode volverse máis crítica para moitas entidades.
Na primeira destas reunións centrámonos en ofrecer recomendacións en materia de prevención na cadea de produción láctea, así como a reacción axeitada ante a aparición de casos de contaxio de coronavirus. No segundo dos encontros abordamos as perspectivas do mercado mundial lácteo. Neste caso participaron como poñentes o director de recursos lácteos de Clun, Pablo Gómez, así como Emilio Ponce de León, director de Actividade Láctea e de Compras da cooperativa gandeira andaluza do Val dos Pedroches (Covap), Rafael Prieto, director xeral de Clun, e Kees Blokland, director xeral de Agriterra, a agriaxencia holandesa.
-Hai un momento significativo deses encontros, un brinde con leite, a que se debeu?
-Todos os que participabamos nesta reunión estabamos moi concienciados coa importancia de tratar asuntos que poden ser transcendentais para o sector, como pode ser a comercialización do leite e decidimos facer un brinde. Neste contexto non cabía facelo doutro xeito que non fose cun brinde de leite!
-Como valora o escenario que deixará para o sector lácteo a crise do Covid-19?
- A crise provocada do coronavirus estanos deixando ver a importancia do colectivo, tamén da cooperativa. Fomenta que non sexamos tan individuais e estanos permitindo valorar máis a comunidade. O leite é un produto que se vai seguir consumindo, é fundamental para o ser humano, aínda que haxa variacións vaise seguir producindo e vendendo leite.
-Está axudando a crise a valorar máis ós gandeiros e o seu esforzo?
-Dende logo. Ás veces non se lles daba a importancia que teñen tanto agricultores como gandeiros. De feito, se España non fose autosuficiente en canto a produción de alimentos e estes tivesen que vir doutros países, ó mellor a corentena era máis complicada de pasar. É moi beneficioso que sexamos autosuficientes na produción, polo menos dános unha maior seguridade.
[/box]