Noticias de empresa

Creada en Galicia unha asociación de empresarios de venda de maquinaria agrícola, forestal e de xardinería

O colectivo nace para defender intereses comúns e para transmitirlle as inquedanzas do sector ás Administracións

Campo Galego 10/05/2016 1:30 p.m.

Un grupo de empresarios galegos que traballan na comercialización de maquinaria agraria vén de constituir unha asociación co obxectivo de defender intereses comúns e de representar ó colectivo ante organismos oficiais. A xunta directiva da asociación está presidida por César Sánchez e conta como vicepresidente con Santiago Conde.

Completan a directiva José María Sáez (secretario), Laureano Rodríguez (tesoureiro), Arturo Serantes (contador), Manuel Casal (vogal primeiro), José Estévez (vogal segundo) e Elisardo Manuel González (vogal terceiro).

O colectivo, que se denomina Asociación de Empresarios de Galicia de Venda de Maquinaria Agrícola, Forestal e de Xardinería, quere contar co maior número de asociados posibles, para o que convida a todos os empresarios galegos do sector a inscribirse na asociación.

Asemblea en xuño en Silleda
Para facilitar unha maior información sobre os fins e actividades a desenvolver pola agrupación, fixouse unha primeira asemblea xeral ordinaria o día 9 de xuño ás 16.30 horas (17 horas en segunda convocatoria) nas instalacións da Semana Verde en Silleda. A esta asemblea están convidados a asistir todos os empresarios do sector.

Etiquetado
Ir a la portada