Agricultura

Couza guatemalteca: A Xunta levanta a prohibición de cultivar pataca no concello de Muxía

Loading ad.
Ad could not be loaded.
22/12/2022 2:03 p.m.

A Xunta vén de levantar a prohibición do cultivo de pataca en Muxía, que se mantiña ata o momento para evitar a expansión da couza guatemalteca que afecta a este tubérculo. Así se decidiu hoxe na Comisión de seguimento desta praga, que estivo presidida polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Neste senso, pasan a ser consideradas zonas tampón -espazos límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo- a totalidade do concello de Muxía, incluídas as parroquias da O (Nosa Señora), Leis (San Pedro), Muxía (Santa María), Moraime (San Xulián), Ozón (San Martín) e a parroquia de Lendo (San Xián) no concello da Laracha, tamén na provincia da Coruña.

Por outra banda, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias de Chamín (Santaia) e Sorrizo (San Pedro) en Arteixo; A Pedra (Santa María) en Cariño; Caión (Santa María do Socorro) na Laracha e San Xurxo en Moeche. En Lugo a prohibición do cultivo deste tubérculo segue a manterse na totalidade do concello de Burela e na parroquia de Santa María de Trabada, no concello homónimo.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A praga de corentena da couza guatemalteca da pataca detectouse por primeira vez no ano 2015, polo que a Consellería do Medio Rural tivo que prohibir o seu cultivo en diversos concellos da Coruña e Lugo de cara a procurar a súa erradicación. “Na actualidade, os datos de seguimento da presenza deste organismo nocivo están mostrando un avance significativo na súa contención, o que sería a fase previa para valorar a súa posible erradicación”, sinalan dende Medio Rural. Deste xeito, a Comisión de seguimento propón un novo mapa de concellos afectados para que algunhas zonas deixen de ser consideradas como infestadas.

No 2019, momento de máxima expansión da couza guatemalteca, chegaron a estar infestados 35 concellos. Prevese que esta praga poida erradicarse en Galicia nos vindeiros dous anos. Segundo a normativa fitosanitaria, para que unha zona infestada deixe de selo cómpre que non se detecte ningún individuo desta especie durante dous anos seguidos no seu territorio.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada