Desenvolvemento rural

As cooperativas agrogandeiras galegas facturaron 1830 millóns de euros en 2019

29/07/2020 6:00 p.m.

As 88 entidades que integran directamente a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e representan a máis de 28.000 agricultores e gandeiros foron convocadas para participar na XXXII Asemblea Xeral Ordinaria, que se celebrou este mércores en Santiago para analizar a actividade desenvolvida en 2019 e os proxectos para o ano actual, especial pola Crise covid-19. 

Durante esta asemblea, con asistencia presencial e a través de videoconferencia, AGACA puxo en valor" o comportamento exemplar" das cooperativas durante a pandemia, "moitas das cales tiveron que desdobrar quendas, extremar medidas de seguridade alimentaria e reorganizarse para aumentar a subministración de alimentos e demostrar por que o campo e a gandaría son sectores esenciais para a sociedade".

Crecemento

Datos estimados mostran que en 2019 as cooperativas asociadas a AGACA facturaron máis de 1.150 millóns de euros e máis de 680 millóns as sociedades mercantís da súa propiedade, o que fai un montante global de 1.830 millóns de euros, que representa un incremento aproximado do 2% respecto ao exercicio anterior.

Así mesmo, as entidades suman preto de 6.0000 empregados entre cooperativas e empresas da súa propiedade, ao que hai que engadir o emprego indirecto xerado.

Reactivación da economía

AGACA destacou ao longo da súa asemblea xeral o papel estratéxico do sector agroalimentario, que continuou e reforzou a súa actividade diaria para garantir o abastecemento de alimentos con responsabilidade e seguridade alimentaria, e valorou o forte compromiso social das cooperativas, que efectuaron doazóns de alimentos, diñeiro e equipos de protección individual e labores de desinfección de rúas en diferentes vilas, entre outras iniciativas.

Porén, lembran desde a asociación que "neste momento é prioritario reactivar plenamente os mercados máis afectados, como son o de vacún de carne, moi sacudido polo peche da canle Horeca, e o de carne de aves, con prezos aos gandeiros moi baixos que non garanten rendibilidades mínimas. Tamén é prioritario o apoio ás adegas cooperativas na comercialización nacional e internacional dos excelentes viños galegos para facer fronte á vendima que se aproxima, así como un apoio especial ao sector de flores e plantas vivas, que non puido comercializar a abundante produción de primavera".

Por iso, AGACA valora o acordo orzamentario de Bruxelas do pasado 21 de xullo que dá estabilidade ao sector agrario, aínda que considera que a redución do orzamento da PAC nun 10% vai afectar á competitividade do sector. "Esta redución non é o mellor sinal para un sector produtor que, tras a presentación das propostas de estratexias Da granxa á mesa sobre sustentabilidade ambiental e para unha recuperación da Biodiversidade en 2030, debe afrontar importantes retos de cambio de modelo produtivo nun contorno de mercados competitivos", sinalan dende AGACA.

Por tanto, as cooperativas agroalimentarias esperan o acceso aos Fondos de Reactivación Económica que poñan en marcha as diferentes administracións, e que "se persiga a banalización dos alimentos na desequilibrada cadea alimentaria". "É necesario que as axudas de reactivación cheguen ao sector agrario e gandeiro e que non volvan os prezos irrisorios para os produtores agrarios e gandeiros", defenden.

Impulso á Igualdade de Oportunidades

A XXXII Asemblea Xeral Ordinaria tamén debateu e aprobou a constitución e o Regulamento da Comisión de Igualdade de AGACA, adaptándose ás novas circunstancias tras a constitución da asociación "Nós as Mulleres". AGACA alcanza o compromiso organizativo de seguir impulsando a igualdade no ámbito agrario, rural e cooperativo.

Plan Estratéxico do Cooperativismo Agroalimentario

Ao longo de 2020, AGACA está a debater coas cooperativas o deseño dun Plan Estratéxico conxunto que as guíe no presente decenio.

O Plan Estratéxico pretende extraer unha proposta de valor para os socios das cooperativas, para os clientes e consumidores, para a contorna social e o medio rural e para as administracións públicas. Para o deseño destas propostas de valor, toma como referencias os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable aprobados pola ONU e o Plan Estratéxico da PAC para España.

Retos de futuro

Por outra banda, AGACA demanda ás administracións a súa colaboración para lograr unha sustentabilidade económica das explotacións que permita que os produtores manteñan a súa rendibilidade para poder avanzar na sustentabilidade ambiental.

Ademais, AGACA solicita ás administracións unha defensa firme do sector ante a imposición dos aranceis de EEUU ao sector do viño e os novos aranceis que se van xerar co Brexit aos produtos galegos.

Finalmente, as cooperativas demandan unha aplicación esixente da PAC de maneira que reciban apoios aqueles agricultores e gandeiros que se dedican preferentemente a esta actividade.

Ademais, ao longo da asemblea abordáronse iniciativas en marcha impulsadas por AGACA ás que poden acceder ás cooperativas socias como son:

O impulso á Economía Social.
A internacionalización dixital das cooperativas.
Os apoios á incorporación da mocidade á Economía Social.
A mellora da competitividade das explotacións de vacún de leite en relación á pegada de carbono.
O apoio formativo á incorporación da juventuda a actividadagroganadera.

Destacouse tamén o traballo realizado para o impulso da representación e promoción das cooperativas galegas levada a cabo por AGACA ante as distintas administracións. Ademais, AGACA apoia alianzas entre cooperativas que impulsen a transformación e valorización das producións, ou proxectos que contribúan ao relevo xeracional e á presenza de mulleres nos consellos reitores.

Etiquetado
Ir a la portada