Axudas

Convócanse as axudas para a promoción dos viños en terceiros países

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a correspondente convocatoria, cun prazo de presentación de solicitudes aberto ata o día 18 de xaneiro de 2016

14/12/2015 8:05 p.m.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países (fóra da UE) e se convocan para o ano 2016. A dotación destas axudas é dun total de 3.675.824 euros para o período 2016-2017, a razón de 1.925.824 euros para o ano 2016 e 1.750.000 euros para o 2017.

Poden acollerse a estas subvencións as empresas vinícolas, as organizacións de produtores (e as súas agrupacións), os órganos de xestión das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas de viño e as asociacións de exportadores e consorcios de exportación participados exclusivamente por empresas deste sector.

Tamén se poderán beneficiar destas achegas as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños, as cooperativas de segundo ou ulterior grao que comercializan viños elaborados polas súas adegas cooperativas asociadas e os organismos públicos con competencia legalmente establecida para desenvolver actuacións de promoción de viños españois en mercados de terceiros países.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o día 18 de xaneiro de 2016.

Etiquetado
Ir a la portada