Forestal

Convocadas as axudas para proxectos de ordenación de montes

Medio Rural destina catro millóns de euros a financiar a execución de plans de xestión no 2018 e no 2019. Tamén apoia a adhesión ós modelos silvícolas de parcelas de asociacións forestais e grupos de certificación

Campo Galego 24/01/2018 10:53 a.m.

A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para a execución de instrumentos de planificación forestal (proxectos de ordenación, documentos simples de xestión ou documentos compartidos de xestión). Tamén apoiará á adhesión ós modelos silvícolas de parcelas de propietarios ligados a asociacións forestais e grupos de certificación.

Os instrumentos cuxa elaboración se financie coas axudas non poderán, para o conxunto do monte, aumentar a superficie ocupada por masas de eucalipto. Outro requisito é que só poderán solicitar a axuda aqueles montes que non dispoñan dun plan de ordenación vixente ou que teñan un pero coa condición de que estea no último ano da súa vixencia ou de que máis do 20% da súa superficie fose afectada por un incendio.

Os instrumentos de xestión financiados pola Xunta non poderán aumentar a supeficie de eucalipto dos montes obxecto de planificación

Medio Rural destina un total de 4 millóns de euros no 2018 (2 millóns) e no 2019 (2 millóns) para estas axudas. Poderán ser beneficiarios das axudas para instrumentos de ordenación as persoas propietarias particulares, as asociacións de propietarios, as cooperativas agrarias, os montes de varas, as comunidades de montes veciñais, as Sofor e outras persoas xurídicas.

A liña para a adhesión a modelos silvícolas poderán solicitala as asociacións de propietarios forestais e os grupos de certificación forestal. Cada asociación ou grupo poderá presentar unha única solicitude, que deberá incluír un mínimo de 100 socios.

O prazo de solicitude é de 2 meses, a contar desde mañá xoves 25 de xaneiro.

[box style="0"]

Máis información
- Só o 10% do monte galego ten plans de ordenación, obrigatorios desde o 2020.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada