Axudas

Convocadas as axudas para previr os danos provocados polo lobo e o xabarín

17/08/2017 11:48 a.m.

O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a convocatoria da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de axudas para 2017 destinadas á prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre, principalmente o lobo e o xabaril.

Poderá optar a estas axudas calquera persoa que exerza a actividade agraria e estea inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) como titular dunha explotación. Tamén toda da persoa titular dunha explotación agraria destinada ao autoconsumo, así como as que exerzan a actividade gandeira e estean inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia das especies de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta, equino, asnal e mular.

O obxectivo destas axudas é reducir os ataques das especies de fauna silvestre (lobo e xabaril) ás explotacións agrícolas e/ou gandeiras, mediante a aplicación de medidas de protección.

¿Que se subvenciona?

Para iso, a Xunta subvencionará a adquisición de:
– Cans para a protección e defensa do gando, ata un importe máximo de 500 euros por can.
– Adquisición de pastores eléctricos. A contía máxima da axuda por explotación é de 600 euros.
– Adquisición de cerrumes de malla electrificada. A contía máxima da axuda será de 100 euros por malla de 50 metros, ata un máximo de oito mallas por explotación.

Importe total da convocatoria é de 300.000 euros, dos que 180.000 euros se destinan para as medidas de prevención de danos á gandaría e de 120.000 euros para as medidas de prevención de danos á agricultura.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir da data de entrada en vigor da orde, é dicir, ata o 17 de setembro.

Valoración da orde de axudas

Dende Beelia, unha das entidades máis activas para que a Consellería mellorase estas axudas, valoran positivamente que se manteña un orzamento alto e que se melloraran os criterios de prioridade.

Sen embargo botan en falta nesta orde de axudas os seguintes aspectos:

-É correcto que se amplíen as razas, pero suscita dúbidas que se inclúa o Can de Palleiro cando non existen evidencias de estudos que certifiquen a súa eficacia como can de garda efectivo para o gando. Tamén critican que non se engadiron os custes de mantemento dos cans.

- Volven a excluír os peches fixos das axudas.

-As mallas móbiles por si solas non son un método de prevención e teñen unha eficacia do 0%, aínda menos se son de 90 cm en vez de 1,05 cm.

Proximamente O-Xan, un grupo de debate e opinión sobre a xestión do lobo en Galicia que agrupa a sindicatos agrarios, gandeiros, cazadores e colectivos ambientalistas, realizará unha valoración máis detallada desta orde de axudas. Non obstante, xa avanzan que solicitarán unha reunión coa conselleira para trasladarlle as súas demandas.

Etiquetado
Ir a la portada