Forestal

Convocadas as axudas para prevención de lumes en montes veciñais

Campo Galego 17/02/2021 9:10 a.m.

A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para prevención de incendios forestais en montes veciñais e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). A convocatoria, igual que o pasado ano, é de carácter bianual. Para este ano destínanse 400.000 euros e para o 2022 un total de 3,6 millóns de euros.

As achegas, cofinanciadas por fondos europeos, contan con dúas liñas, unha para control do combustible forestal e outra para construción de puntos de auga. A primeira liña é a que centra a maior parte dos fondos, con 3,3 millóns de euros. Oriéntase a subvencionar o control do mato en devasas, faixas auxiliares de pistas e rexenerados naturais, así como a facer rozas de penetración, rareos e eliminación de restos de entrefaixas de masas forestais. O obxectivo é crear descontinuidades horizontais e verticais de combustible, a fin de reducir a velocidade de propagación de posibles incendios.

A segunda liña de apoios, dirixida a construír puntos de auga, conta con 670.000 euros. Subvencionaranse puntos de auga colocados en zonas estratéxicas para a defensa de núcleos de poboación e das masas forestais.

As solicitudes poden presentarse desde hoxe ata o 16 de marzo.

Etiquetado
Ir a la portada