Apicultura

Convocadas axudas para o sector apícola

Campo Galego 08/01/2024 4:24 p.m.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convocan preto de 1,5 millóns destinados ao sector apícola co obxecto de mellorar a súa competitividade a través da modernización e a optimización de equipamentos, así como para loitar contra a perda de poboación de abellas e outros insectos polinizadores como consecuencia da expansión de patoloxías; o incremento das especies inimigas, como a vespa asiática, ou o cambio climático.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, xestionará estas axudas cun orzamento total de 1.487.810 euros para actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos inclusive, período de duración dunha campaña apícola. Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura ata un 25 % e a porcentaxe restante a Xunta de Galicia .

Poderán optar a estas axudas aquelas persoas físicas ou xurídicas, ou entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións apícolas e que desenvolvan a súa actividade con anterioridade ao 1 de xaneiro, así como agrupacións de apicultores. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da publicación da orde no DOG.

Entre os gastos subvencionables desta orde de axudas están os servizos de asesoramento e asistencia técnica; os tratamentos contra a varroase; a adquisición de produtos para incrementar a vitalidade das colmeas en estados de risco para a supervivencia da colonia; a renovación e acondicionamento de ceras; a adquisición de material necesario para a captura, eliminación, disuasión e control da Vespa velutina ou de outras especies exóticas invasoras; ou os investimentos en equipamentos que permitan a adaptación a fenómenos climáticos adversos das explotacións apícolas, para a cría e adquisición de raíñas ou para a mellora de maquinaria.

Ademais, tamén se inclúen aquelas accións destinadas a mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade, facendo maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización; e sobre a posición dos apicultores na cadea de valor.

Etiquetado
Ir a la portada