Axudas

Convocadas as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas para o ano 2017. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica. O prazo de presentación das solicitudes remata o 28 de xaneiro

27/12/2016 1:43 p.m.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para as asociacións de fomento das razas autóctonas galegas para o ano 2017, por un importe total de 200.000 euros, un 19% máis que a convocatoria anterior.

As actuacións subvencionables son a creación ou mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados de dita actividade, os do local ou oficinas, ordenadores e material informático e o seu mantemento, actualización ou adquisición.

Tamén serán subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.

Poderán ser beneficiarios destas achegas todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do Libro Xenealóxico das razas autóctonas españolas, pola comunidade autónoma galega.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda que tamén se poderán presentar en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos. O prazo de presentación será dun mes, ata o 28 de xaneiro.

Ir a la portada