Axudas

Convocadas as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas

10/12/2018 11:14 a.m.

A Consellería de Medio Rural publica este luns a convocatoria de axudas para o fomento das razas autóctonas galegas para 2019, para as asociacións integradas en BOAGA (razas de vacas Caldelá, Frieiresa, Cachena, Limiá, Vianesa, Ovella Galega, Cabra Galega e Galiña de Mos).

 

Os posibles beneficiarios destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma galega. As actuacións a subvencionar son a creación ou mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de ordenadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.

Tamén serán subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.

A contía global destas axudas será, para o ano 2019, de douscentos mil euros (200.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A contía total da subvención, que se destinará a financiar os custos que ocasione a realización das actuacións previstas no artigo 4, con fondos dos orzamentos xerais de Estado, non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e anualidade.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. É dicir, ata o 11 de xaneiro de 2019.

Consulta aquí a convocatoria de axudas.

Etiquetado
Ir a la portada