Forestal

Convocadas as axudas para maquinaria forestal

Campo Galego 13/02/2019 11:06 a.m.

A Axencia Galega da Industria Forestal vén de convocar as axudas para a compra de maquinaria asociada ós aproveitamentos forestais, que se subvencionará cunha axuda do 40% do seu custo, cun máximo por solicitante de 150.000 euros. Poderán optar ós apoios microempresas e pequenas e medianas empresas.

Os investimentos cubertos pola orde de axudas, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), son os seguintes:

- Autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, así coma as adaptacións e implementos pertinentes, coma grúas e outros.

- Procesadoras e cortadoras.

- Maquinaria específica que permita un aproveitamento comercial da biomasa forestal no monte: asteladoras, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

- Maquinaria e instalacións de primeira transformación da madeira.

- Maquinaria e instalacións de primeira transformación para procesamento da biomasa forestal.

- Maquinaria de recolla e manexo en monte de produtos forestais alimentarios, coma castañas.

- Rozadoras, excluíndose rozadoras de man. Tampouco se apoia a compra de motoserras.

- Implantación da cadea de custodia de madeira certificada.

- Equipos de medición de masas forestais.

- Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa.

- Implantación de ferramentas de xestión empresarial para control de custos, calidade e mantemento.

Das axudas queda excluída a adquisición de terreos, mobiliario ou edificacións. Tamén queda fóra a maquinaria usada ou a compra de maquinaria de simple substitución. Neste último caso, non se considerará simple substitución cando se acade, como mínimo, un aumento da capacidade de produción ou potencia dun 25% ou cando o novo investimento supoña un cambio fundamental na natureza da produción.

A selección das solicitudes farase segundo a baremación de puntos que figura na convocatoria publicada hoxe no DOG. Esa baremación puntúa os distintos investimentos elixibles e as características da empresa solicitante. O prazo de solicitude é dun mes, a contar desde mañá 14 de febreiro.

Ir a la portada