O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, publicou este martes no Boletín Oficial do Estado un extracto de Resolución polo que o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), convoca subvencións para a realización de proxectos de investigación no sector apícola e os seus produtos para 2017. O orzamento ascende a 300.000 euros, dos que o 50% son fondos europeos e o resto fondos nacionais.
O seu obxectivo é mellorar as condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, a través do financiamento de proxectos de investigación.
As bases reguladoras destas subvencións establecidas mediante unha Orde Ministerial de 2015, dentro do Programa Nacional de medidas de axuda á apicultura, contemplan unha convocatoria anual mediante resolución do FEGA.
Estas axudas están destinadas a Cooperativas, Sociedades agrarias de transformación e Agrupacións de defensa sanitaria. O período subvencionable e de execución dos proxectos para a convocatoria 2017 establécese entre o 1 de agosto de 2016 e o 31 de xullo de 2017.
As solicitudes deberán presentarse no prazo de 15 días hábiles desde o 18 de xaneiro, día seguinte á data na que se publicou no BOE o extracto da Resolución. É dicir, ata o 10 de febreiro.