Forestal

Convocadas as axudas da Xunta para a industria forestal

20/02/2020 10:45 a.m.

O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores a orde de axudas para este ano da Axencia Galega da Industria Forestal para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais.

Estas axudas, cofinanciada con fondos Feader, están dotadas para este ano con 10,4 millóns de euros, repartidos en 3.045.454 euros para o ano 2020 e 7.405.470 euros para o ano 202. Esta liña de apoios está destinada ás microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) do sector forestal radicadas en Galicia.

Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento, transformación e comercialización dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais).

Poderanse subvencionar investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) ou calquera outra figura análoga, e subvencionarase neste caso unicamente o importe correspondente á opción de compra. A opción de compra deberase realizar no prazo de execución do investimento.

Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40 % dos gastos elixibles. A axuda máxima por solicitante limitarase a 150.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. É dicir, ata o 20 de marzo.

Etiquetado
Ir a la portada