Desenvolvemento rural

Consulta da Comisión Europea a agricultores e gandeiros sobre os cambios que reclaman na PAC

07/04/2024 11:49 a.m.

A Comisión Europea ten aberta ata mañá luns, 8 de abril, unha consulta pública dirixida aos agricultores e gandeiros sobre a súa actividade diaria de cara a introducir cambios na Política Agraria Común.

O obxectivo desta consulta é comprender a carga que supoñen para os agricultores os procedementos e normas vinculados á axuda financeira no marco da política agrícola común (PAC), así como outras normas da UE aplicables á alimentación e a agricultura na UE.

A consulta axudará á Comisión a coñecer as fontes de preocupación e complexidade na maneira en que se aplican estas políticas e réximes nos países da UE, a fin de detectar os ámbitos nos que poderían introducirse melloras.

Os resultados da enquisa publicaranse como parte dunha análise detallada no outono de 2024.

Algunhas das preguntas son:

-Canto tempo lle dedica cada ano a tarefas administrativas vinculadas á aplicación das axudas da PAC e ás obrigacións de presentación de informes?

-Os agricultores utilizan dispositivos móbiles para proporcionar fotografías xeoetiquetadas?

-Como cualifican os agricultores a complexidade dos diferentes procedementos e normas da PAC aplicables nas explotacións?

-Os agricultores utilizaron axuda externa para preparar as solicitudes de axuda da PAC en 2023?

 

Etiquetado
Ir a la portada