Agricultura

Consellos para tratar froiteiras danadas polo temporal

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro subliña que as choivas favorecen a entrada de patóxenos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 09/02/2017 10:03 a.m.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar un aviso fitosanitario no que aconsella tratar canto antes as árbores danadas polo temporal para evitar a entrada de patóxenos. Así mesmo, con motivo das choivas e a elevada humidade existente, advirte da necesidade de actuar sobre todo nos cítricos, froiteiras e o buxo para evitar infeccións.

Segundo explica a técnica Rosa Pérez, responsable da Unidade de Artrópodos, moitas árbores sufriron roturas de polas de grandes dimensións acompañadas de rachos irregulares que, ou ben afectan a parte do tronco, ou ben deixan un toco que pode podrecer co paso do tempo. O consello fitosanitario, pois, pasa por igualar os rachos e por eliminar os tocos, aplicando despois destas operacións produtos cicatrizantes con funxicidas para evitar a entrada de patóxenos a través das feridas.

En canto aos cítricos, Pérez explica que as choivas e humidade favorecerán as infeccións por patóxenos moi ligados á auga (como a Phytophthora hibernalis), polo que indica que é moi importante recoller tanto os froitos caídos ao chan como os podres que permanecen na árbore e destruílos para evitar novas contaminacións. Tamén se debe evitar calquera acumulación de auga no contorno das raíces, favorecendo a saída mediante zonas de drenaxe. Proponse ademais a posibilidade de actuar preventivamente nos limoeiros, mandarinos, laranxeiros ou pomelos con diferentes produtos específicos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Nas froiteiras é conveniente aplicar tratamentos de cobre tan axiña como o tempo o permita

Para as froiteiras en xeral -tanto nas de pebida como nas de óso ou no kiwi- sublíñase que será conveniente, tan pronto o clima o permita, aplicar un dos tratamentos cúpricos que se recomendan no inverno.

Sobre o buxo, advírtese que as mesmas condicións de elevada humidade poden favorecer o desenvolvemento do fungo Cylindroclaudium buxicola, que causa serias defoliacións nestas plantas. “Por este motivo débese incrementar a vixilancia sobre as sebes de buxo, retirando posibles follas secas e favorecendo a aireación das plantas. Se ademais se detectasen síntomas da presenza do fungo, débese aplicar un tratamento funxicida”, destacan en Areeiro.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Couza da pataca
Por último, a Estación Fitopatolóxica fai un chamamento á calma na provincia de Pontevedra en relación á praga da couza ou polilla guatemalteca da pataca, pois polo de agora só está presente no norte das provincias da Coruña e de Lugo, pero non en Pontevedra.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada