Forestal

Conferencia sobre as vantaxes de utilizar madeira certificada na construción

28/04/2020 7:07 p.m.

Este mércores 29 de abril, de 13 a 14 horas, Gonzalo Anguita, director executivo de FSC España, participa en "A hora de GBCe", un webinar técnico sobre as vantaxes de utilizar madeira certificada nas edificacións sustentables.

Para participar nesta actividade e poder interactuar no chat, mesmo propondo preguntas, tan só cómpre conectarse a través desta ligazón gratuíta: https://bit.ly/2XURJ65

Na súa conferencia Gonzalo Anguita, tamén membro da Xunta Directiva de GBCe, explicará que é FSC e que achega ao sector da edificación o utilizar madeira certificada por este selo. Nese sentido, presentará o proxecto “Have a Wood Day”, que permitiu editar, en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dúas importantes publicacións de acceso libre:

-En madera, otra forma de construir

-En madera, otra forma de vivir

Falsos mitos sobre a madeira ante o lume ou a auga, vantaxes de empregar este material para o confort, a sustentabilidade, a loita contra a crise climática e para o mantemento dos bosques, certificacións de proxectos e dos servizos ecosistémicos do bosque serán temas que trate o director executivo de FSC España.

Despois do relatorio de Anguita intervirá Alfons Ventura, arquitecto, consultor especialista en economía circular e arquitectura sustentable, igualmente membro da Xunta Directiva do GBCe. Este experto explicará o uso da madeira certificada nun exemplo concreto, a construción da escola Imagine Montessori School de Valencia.

O GBCe ou Consello para a Edificación Sustentable de España é unha organización autónoma afiliada á Asociación Internacional World Green Building Council, da cal constitúe o Consello Español.

Sobre FSC España

FSC España (https://es.fsc.org) é a oficina española do Forest Stewardship Council, organización internacional que certificou máis de 210 millóns de hectáreas de bosques en 90 países, a partir dun modelo de xestión forestal ambientalmente responsable, socialmente beneficioso e economicamente viable.

O número de bosques certificados en España co selo FSC medrou nos últimos cinco anos a un ritmo do 12 por cento anual en superficie e dun 15% en certificados de cadea de custodia (CdC). En total hai máis de 313.000 hectáreas de bosque español certificado FSC e 1.100 certificados de cadea de custodia.

Ir a la portada