Forestal

Confemadera, contra a declaración do eucalipto e do piñeiro radiata como invasores

A patronal galega da madeira cuestiona que o Consello de Europa queira aprobar un código de conducta sobre bosques cultivados que penaliza ambas especies

Campo Galego 18/11/2016 9:42 a.m.

O Consello de Europa, unha organización internacional na que participan a práctica totalidade dos países do continente, está a debatir estes días en Estrasburgo (Francia) a aprobación dun código de boas prácticas sobre bosques cultivados. O documento suscita preocupación nos empresarios galegos da madeira, asociados en torno a Confemadera Galicia, pois cataloga dúas especies habituais na comunidade, o eucalipto globulus e o piñeiro radiata, como invasoras.

O eucalipto, nas súas variedades globulus e nitens, ocupa en masas puras un 20% da superficie arborada de Galicia, estimada en arredor de 1,4 millóns de hectáreas. Outro 10% da superficie consiste en masas mixtas de eucaliptos con piñeiros e/ou frondosas. Menor é a presenza do piñeiro radiata, que se concentra sobre todo no interior de Lugo e que ocupa en torno a un 6% do monte produtivo en Galicia. A principal conífera na comunidade, o piñeiro do país, queda á marxe da polémica.

"É perigoso entrar nunha guerra de especies. O importante é promover a diversidade e a ordenación do monte" (Elier Ojea, Confemadera)

A decisión do Consello de Europa de considerar ambas especies como invasoras pola súa facilidade de expansión e/ou rebrote xera inquedanza no sector empresarial. A cuestión é que o código de conducta sobre boas prácticas para bosques cultivados busca promover directrices para a sostibilidade forestal nos 47 Estados que forman parte do organismo. Por tanto, de cara ó futuro, a catalogación no código de ambas especies como invasoras podería xerar restriccións a súa plantación, aproveitamento e comercialización.

Confemadera Galicia considera esa posibilidade un grave problema e apoia o posicionamento do Ministerio de Agricultura, contrario a que o eucalipto globulus e o piñeiro radiata se declaren especies invasoras.

O presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, entende que é perigoso entrar nunha “guerra de especies” para defender a sostibilidade. “Hoxe son unhas as especies malas e mañá poden ser outras. O verdadeiro debate debe centrarse en promover a ordenación do monte e unha xestión forestal que fomente a diversidade de especies”, propón.

Etiquetado
Ir a la portada