Viña

Conclúen que o consumidor paga máis polo viño se ten información sobre el

Un grupo de docentes de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo analiza como a información e as certificacións inflúen na percepción que o consumidor ten do viño

Loading ad.
Ad could not be loaded.
16/04/2018 7:55 p.m.

Os consumidores están dispostos a pagar máis por un viño cando teñen a información sobre o produto antes de probalo. Ademais, o sabor e o prezo semellan ser os factores máis importantes para as e os consumidores á hora de decidirse a mercar un viño.

Estas son as conclusións preliminares do estudo que están a realizar un grupo de docentes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense sobre o efecto da información e as certificacións na percepción que o consumidor ten da calidade do viño.

Na investigación, aínda en desenvolvemento, participaron xa arredor de 400 membros da comunidade universitaria ourensá na súa fase experimental. Os primeiros datos recollidos apuntan a que as e os participantes están dispostos a pagar máis cando teñen información previa sobre o produto.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O estudo leva por título “Evidencia experimental da relación entre prezo de venta e calidade percibida. Implicacións estratéxicas e contables para as denominacións de orixe vitivinícolas ourensás”. O equipo que o realiza está formado polos profesores e profesoras Francisco Javier Sánchez, Ernesto López-Valeiras, Mª Beatriz González e María Montserrat Cruz.

A idea de pór en marcha este estudo, detallan as e os seus responsables, xorde tendo en conta a ausencia de traballos similares e conscientes de que “o esclarecemento de como funciona esta relación botaría algo de luz sobre a difícil tarefa de establecer políticas de prezos acordes ás estratexias seguidas”.

Nas estratexias de mercado destes viños, engaden, “o establecemento de políticas adecuadas de prezos é una cuestión fundamental”. Esta determinación do prezo de venda ao público, lembran as investigadoras e investigadores ourensáns, non depende exclusivamente do custes de produción máis unha marxe senón tamén doutros factores relacionados con percepcións e ca dispoñibilidade das e dos compradores a pagar segundo que prezos. “Sempre que os consumidores non podan valorar a calidade dun produto antes da compra, as empresas poden usar unha variedade de ferramentas para sinalar calidade, incluíndo a publicidade e o prezo de venda. Isto implica que a calidade do produto, prezos e publicidade son determinados en conxunto”, afirman.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A importancia da información previa

No estudo levado a cabo desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo abordan as implicacións estratéxicas e contables do prezo de venda na demanda de viño das denominacións de orixe da provincia de Ourense. “Especificamente centrámonos no efecto das certificacións e da información dispoñible na calidade percibida e no prezo máximo que estarían dispostos a pagar”, explorando estas relacións empiricamente mediante a realización de experimentos de cata de viños con manipulación das variables principais na que as e os participantes son catadoras e catadores non profesionais.

O estudo comezou analizando o papel que a contabilidade de xestión pode xogar no establecemento de políticas de prezos das adegas e o rol das políticas de prezos na estratexia de nicho aplicable ás adegas ourensás, evidenciándose “a escasa atención dedicada ao estudo da relación entre os custos de produción e o prezo de venta de viño”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O traballo continuou cunha fase experimental na que participaron estudantes do campus de Ourense de diferentes ciclos e consistiu nunha cata de catro viños ourensáns con distintos certificados. As e os participantes realizaron unha valoración sensorial de cada viño e indicaron o valor máximo que estarían dispostos a pagar por cada un de eles. Ademais, tamén aportaron información ao respecto da importancia dada a determinados atributos a hora de mercar viño.

En varios grupos, as e os participantes primeiro cataron os viños a cegas, sen información sobre eles, e fixeron unha oferta para cada un deles. Posteriormente entregóuselle información sobre as certificacións que posuía cada viño e pedíuselle que volvesen facer outra oferta para cada un dos viños. Outros grupos seguiron a orde inversa, recibindo antes da cata información do viño e facendo unha oferta para cada un antes de catalos. Posteriormente cataron os viños e fixeron unha nova oferta para cada un.

A relación co turismo

De maneira paralela a este traballo experimental que continúa, as e os responsables deste estudo están a facer unha investigación sobre o turismo na provincia e as motivacións de viaxe dos turistas, con relación a unha ruta turística fundamentada na temática vinícola. Neste traballo están a facer unha análise das motivacións xerais da actividade turística da clientela potencial das rutas vinícolas das denominacións de orixe ourensás e a comparación coas motivacións turísticas de visita á provincia de Ourense e as motivacións con respecto á visita específica a cadansúa ruta vinícola das denominacións existentes. “Quérese con esta investigación coñecer se a visita á zona é máis por motivacións de turismo enolóxico ou ben existe unha complementariedade con outro tipo de actividades turísticas, xa sexan culturais, rurais, termais, etc”, indican.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada