Viña

Conclúe a vendima na DO. Valdeorras con case 8 millóns de kilos de uva recollidos, un 23% máis

Trátase de 1,5 millóns de quilos máis que na pasada campaña, o que evidencia -segundo o presidente do Consello Regulador- “o bo traballo que están a facer todos aqueles que realizan a súa actividade no eido vitivinícola da comarca”

Loading ad.
Ad could not be loaded.
10/10/2023 9:16 a.m.

Coa conclusión dos traballos de recollida da uva en Bodegas Viña Somoza, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras dá por finalizada a campaña de vendima neste 2023. Os resultados tanto en “cantidade como en calidade” son -a xuízo do presidente do organismo- “magníficos” en tanto en canto “se colleitaron preto de oito millóns de uva de diferentes variedades amparadas”.

A cifra supera en 1,5 millóns á do ano 2022 e, novamente, a uva máis abundante no territorio amparado foi a godello (5,7 millóns recollidos fronte aos 4,3 do ano pasado). Tras dela, sitúase a mencía con 1,4 millóns de quilos de uva producidos en Valdeorras e, a continuación, aparecen outras variedades minoritarias.

Así, por exemplo, de Alicante recolléronse 405.023 quilos; da variedade Jerez, 218.241 quilos; de sousón, 26.512 quilos; de albarello, 24.212 quilos; de tempranillo, 16.244 quilos; de merenzao, 12.329 quilos e de dona branca, 3.088 quilos. Tamén se vendimaron 3.701 da variedade caíño e 920 quilos de mouratón.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Froito dun intenso traballo

En opinión de José Ramón Rodríguez, máximo responsable da D.O., os datos amosan que o territorio amparado “segue a medrar” e que “o interese polo godello aséntase como un dos piares do fortalecemento de Valdeorras”. Para o presidente do Consello Regulador, o incremento no número de quilos vendimados evidencia “o bo traballo que están a facer todos aqueles que realizan a súa actividade no eido vitivinícola na comarca”. Ao tempo, amosouse convencido de que as uvas recolectadas orixinarán “magníficos viños capaces de satisfacer todo tipo de padais”.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada