Desenvolvemento rural

Compromiso da Confederación Hidrográfica do Cantábrico para manter os banzados en activo na montaña lucense

Unións Agrarias desprazouse esta semana ata Oviedo para defender o mantemento das tostas existentes nos municipios da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá

Campo Galego 11/05/2023 6:55 p.m.

Os banzados, pequenas presas para desviar a auga de ríos para a rega de prados, poderán manterse na montaña lucense e non serán derrubados. É máis, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico facilitará o proceso de regularización de todos aqueles que estean nunha situación de alegalidade e que estean a ser empregados. É o compromiso que Unións Agrarias conseguiu este mércores na xuntanza mantida en Oviedo co presidente e o comisario de Augas dese organismo. Un encontro que a organización agrogandeira propiciou, tendo en conta a preocupación xerada polo posible derrube dunhas estruturas, moi importantes para o mantemento das praderías, das que depende a gandería dos concellos de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o responsable de Coordinación Sectorial da organización, Félix Porto, desprazáronse este mércores ata Oviedo para defender o mantemento dos banzados existentes nos municipios da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Son unhas estruturas imprescindibles para as explotacións da zona, pois grazas a elas poden manter os prados de rega e contar con alimento para o gando nos meses de seca, dende abril ata outubro.

[caption id="attachment_199381" align="aligncenter" width="660"] Reunión de Unións Agrarias coa Confederación Hidrográfica.[/caption]

Os representantes de Unións Agrarias saíron do encontro co compromiso explícito da Confederación de respectar o mantemento de todos os banzados en uso. Ademais, ambos organismos colaborarán para facilitar a regularización de todos aqueles que estean a ser empregados por agricultores e gandeiros pero non conten coa necesaria concesión administrativa. Con ese obxectivo, procederase ao inicio dun expediente de legalización no que Unións Agrarias se implicará facilitando aos peticionarios a elaboración de toda a documentación e a execución dos trámites precisos.

Os banzados son elementos fundamentais para a actividade agrogandeira na zona da montaña lucense. Trátase de sistemas de rego centenarios rexidos por quendas de uso establecidas dende máis de 200 anos atrás que garanten o mantemento das praderías, fundamentais para a gandería tradicional en extensivo sobre a que se asenta boa parte da economía da zona.

Son estruturas de non máis de metro e medio de alto construídas na súa maioría en pedra que permiten o tránsito da fauna acuática e que garanten un uso sustentable dos recursos naturais, xa que o caudal de auga que subministran permite o mantemento dos prados.

O número de banzados existentes na área afectada é altísimo e dá boa mostra da importancia dos mesmos, podendo existir máis de 300. A súa eliminación suporía a perda de superficies de labor e de pasto imprescindibles para as explotacións gandeiras da zona e implicaría un importante golpe para a economía do sector, xa moi castigado polos altos custos de produción e os baixos prezos.

Etiquetado
Ir a la portada