Apicultura

Comprométese a retirada dos niños de vespa asiática en menos de 5 días

A empresa pública Seaga encargarase da retirada de tódolos niños dos que se dea aviso a través do teléfono 012, sempre e cando estean a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles

Campo Galego 17/01/2020 1:33 p.m.

A Xunta pechou un acordo coa empresa pública Seaga para que proceda á retirada de niños de vespa velutina desde o 15 de xaneiro ata o 15 de decembro do 2020. Será por tanto Seaga a encargada de executar o programa galego de vixiancia e control fronte á vespa velutina, pactado este outono entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

O acordo da Xunta con Seaga establece que a empresa retirará nun prazo máximo de 5 días laborables tódolos niños dos que se dea aviso a través do teléfono 012, sempre que estean a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles nos que se poida actuar con seguridade. Se a ubicación do niño fose máis complicada, a súa retirada poderá demorar máis tempo.

O plan de vixiancia e control da velutina ten un importe total de 2,3 millóns de euros. Del beneficiaranse tódolos concellos que se teñan adherido ó plan, que a día de hoxe son 275 concellos en toda Galicia.

En todos estes municipios, será Seaga a que se encargue este ano da retirada de niños. A Xunta sinala que a empresa pública conta con persoal debidamente formado e equipado co material e medios necesarios (escadas, pértegas, sprays insecticidas, arneses de seguridade, etc.).

Por parte dos Concellos, asúmese o compromiso de coordinarse coa Xunta na retirada dos niños, de xeito que os Concellos, a petición da Xunta, prestaranlle a súa colaboración a Seaga realizando as actuacións precisas para simplificar os traballos de retirada e eliminación dos niños.

Etiquetado
Ir a la portada