Forestal

Colocan caixas niños de paxaros e morcegos para controlar os perforadores dos piñeiros en montes queimados

Buscan atraer ós depredadores naturais destes insectos. Distribúen trampas de feromonas nos perímetros dos incendios do Courel e Valdeorras para reducir as poboacións e a afección dos piñeirais limítrofes á zona queimada

Campo Galego 27/04/2023 10:12 a.m.

O incremento dos insectos perforadores dos piñeiros é unha das ameazas que se presentan tralos incendios forestais, xa que non só afectarán ós exemplares queimados senón a aquelas masas de arborado lindeiras, que quedan debilitadas. Para reducir estes riscos nas zonas afectadas polos lumes o pasado verán no Courel e O Barco de Valdeorras, dende a Consellería de Medio Rural colocáronse caixas niño de paxaros e morcegos xunto con trampas de feromonas, para reducir a poboación destes insectos.

En concreto, nestes montes colocaron trampas de embude cebadas con feromonas sexuais para así capturar insectos perforadores. Na Pobra de Brollón (Lugo), o Distrito IX procedeu a colocar un total de 10 trampas. Mentres, no Barco de Valdeorras (Ourense), o Distrito XIII encargouse de distribuír outras 5 trampas.

Nalgunhas das trampas colocadas no Barco de Valdeorras chegaron a recollerse entre mediados de setembro e comezos de outubro un total de 430 insectos, mentres que en decembro cesaron as capturas.

Nas situadas na Pobra do Brollón houbo trampas que chegaron a acumular arredor de 2.500 exemplares entre os meses de outubro e novembro. Cómpre ter como referencia, que a poboación destes insectos en zonas non afectadas polos lumes é moito menor e tamén as capturas. Así é que nunha trampa colocada en Bóveda no mes de outubro só se contabilizou un cento de exemplares.

Paxaros e morcegos, os aliados naturais

Outra das medidas de control biolóxico da praga que levaron a cabo nestas zonas foi a colocación de caixas niños para paxaros e morcegos, depredadores naturais destes insectos. Así é que, unha parella de ferreiriños coas súas crías poden chegar a comer máis de 50.000 eirugas e máis de 15 millóns de insectos. Mentres, un morcego pode consumir máis de 3.000 insectos nunha noite.

[caption id="attachment_198189" align="alignright" width="300"] Unha das caixas niño para paxaros colocadas.[/caption]

Como sinalan dende Medio Rural, nas zonas afectadas polos lumes danse as condicións para colocar este tipo de caixas-niño, posto que tanto aves coma morcegos carecen de zonas de refuxio ou para aniñar. Ademais, disporán de alimento á par que reducen a poboación de insectos que poden provocar pragas forestais.

En concreto, colocaron caixas niño de paxaro indicadas para páridos e outras pequenas aves insectívoras. Están situadas a unha altura de entre 4-5 metros e teñen un burato de entrada orientado entre o Norte e o Sureste. Mentres, no caso das caixas para morcegos están situadas como mínimo a 4 metros de altura e a entrada está disposta pola parte inferior.

Etiquetado
Ir a la portada