Desenvolvemento rural

Cimag Gandagro pecha a súa segunda edición con 21.000 visitantes

A organización, a cargo da Feira Internacional de Galicia, amósase satisfeita da afluencia e destaca que tamén houbo unha valoración positiva da gran maioría de expositores

Campo Galego 30/01/2017 2:00 p.m.

A segunda edición da feira especializada Cimag Gandagro, que se desenvolveu no recinto da Semana Verde, en Silleda, pechou con 21.000 visitantes nos tres días do certame. A organización, a cargo da Feira Internacional de Galicia, amósase satisfeita do número de asistentes e destaca que a gran maioría dos expositores tamén valoraron de xeito positivo tanto a afluencia como os contactos realizados.

Cimag Gandagro, que se desenvolveu ata o pasado sábado, contou con 166 expositores directos e con outras 226 marcas representadas. Os expositores ocuparon unha superficie bruta de 23.200 metros cadrados e neta de arredor de 10.000.

O certame incluíu ademais concursos de gando frisón e un amplo programa de conferencias técnicas relacionadas con cuestións como o cultivo de forraxes, a xestión da calidade nos pensos, o manexo de puríns ou monográficos sobre os sectores porcino e cunícola.

Desde a Feira Internacional de Galicia entenden consolidada a aposta de unir os certames Cimag Gandagro e inciden en que esta é a segunda feira de España en maquinaria de forraxes, así como a primeira do noroeste peninsular.

Etiquetado
Ir a la portada