Leite

China: a construción dunha potencia láctea

Como maior importador de produtos lácteos (25% do comercio mundial), a demanda no xigante asiático condiciona os prezos a nivel internacional. Pero a estratexia das autoridades chinesas pasa por aumentar o grado de autoabastecemento do país, que acada xa o 80%

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Camilo Friol 27/10/2023 8:20 p.m.

[caption id="attachment_211485" align="aligncenter" width="708"] China está multiplicando a súa producción láctea coa construción de macrogranxas na zona norte do país[/caption]

China aumenta a súa produción interna de leite e reduce as súas importacións. Produce xa máis leite que Alemaña, principal produtor europeo, e vai camiño de dobrar a Nova Zelandia, o seu principal provedor. Hoxe é xa o cuarto produtor mundial de leite de vaca, só por detrás dos EEUU, a India e a UE.

A produción de leite en China está en mans de grandes empresas, como Modern Dairy, e triplicouse desde 2002, crecendo un 30% só nos últimos 5 anos. O xigante asiático logrou en 2022 unha produción de 39,2 millóns de toneladas e acabará 2023 por enriba dos 41 millóns.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

China está a multiplicar a súa produción dentro dunha estratexia impulsada polas autoridades do país, con importantes investimentos no sector co obxectivo de lograr unha maior autosuficiencia produtiva para garantir a seguridade alimentaria nacional reducindo a dependencia das importacións. O seu índice de autoabastecimiento acada xa o 80%, superior ao de países como España.

Comparativamente, China importa xa menos produtos lácteos que España

As políticas públicas fomentan o desenvolvemento de granxas lácteas a gran escala e unha maior produción de forraxes, debido á dependencia de insumos exteriores, por exemplo millo. China é tamén o maior importador de soia do mundo e o 60% procede de Brasil.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A cabana gandeira do país aumentou considerablemente o pasado ano, coa importación de 232.000 cabezas de gando procedentes de Australia e Nova Zelandia, un incremento do 38% con respecto a 2021 e un récord en dez anos.

[caption id="attachment_211488" align="aligncenter" width="711"] Unha das 26 granxas que Modern Dairy, cuxo accionista maioritario é Mengniu, posúe en China[/caption]

A mellora xenética que achegan as vacas importadas e a mellora tecnolóxica e de xestión nas explotacións de gran tamaño contribúen a un incremento da produción por vaca. As de Modern Dairy, a maior empresa de produción láctea de China, que posúe 26 macrogranxas distribuídas en 7 provincias, producen unha media de 9.000 litros ao ano, superior á media do conxunto de países da UE.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A produción interna de leite en China triplicouse nos últimos 20 anos

China producía só 13 millóns de toneladas de leite en 2002. Son as mesmas que importa hoxe para cubrir o seu déficit interno. Varios foron os factores que impulsaron o consumo de lácteos nos últimos anos, entre outros, o aumento da inxesta láctea recomendada á poboación por parte das autoridades e o financiamiento por parte do Goberno dun programa nacional para proporcionar leite nas escolas, pero o desencadeante fundamental foi o aumento da clase media, que demanda produtos alimenticios de alta calidade.

A agardada recuperación da demanda láctea de China non se está producindo ao longo deste 2023, mais o país segue incrementando notablemente a súa produción interna. No primeiro trimestre deste ano, a produción de leite de China aumentou un 8,5% interanual e espérase que acabe o ano no 5%, superando os 41 millóns de toneladas.

Nos últimos 5 anos o xigante asiático pasou de producir 30,3 millóns de toneladas en 2017 a 39,3 en 2022, un incremento do 29,7%. O ritmo de crecemento foi in crescendo nos últimos anos: 1,2% en 2018, 4,1% en 2019, 7,5% en 2020, 7,1% en 2021 e 6,8% en 2022.

O prezo por litro de leite que recibe un produtor chinés está 5 céntimos por enriba do que cobra un gandeiro galego

O incremento na produción baséase na expansión das granxas nos últimos tres anos e ao aumento do seu tamaño. Se en 2015 as explotacións con máis de 1.000 cabezas representaban unha cuarta parte das existentes, 5 anos máis tarde eran xa o 44% e espérase que superen o 50% en 2025. O prezo pagado ao produtor sitúase nestes momentos en China en 52,3 centavos de dólar (xullo 2023), aínda que chegou a acadar os 61,2 centavos en xullo de 2022.

Yili e Mengniu, os buques insignia chineses

[caption id="attachment_211470" align="aligncenter" width="2047"] Principais empresas lácteas do mundo en 2022, segundo o ránking Rabobank (Fonte: OCLA)[/caption]

Entre as 10 principais empresas lácteas mundiais atópanse dúas chinesas, Yili e Mengniu cunha facturación en 2022 de 17,3 e 13,7 millóns de euros respectivamente, segundo o ranking anual elaborado por Rabobank.

A industria chinesa enfróntase a un desafío importante, pois mentres a produción concéntrase no norte do país, o consumo acumúlase no sur e o leste. Mongolia Interior, Heilongjiang, Hebei, Shandong, Xinjiang e Henan son 6 provincias do norte que producen dous terzos da produción total do país.

A produción concéntrase no norte do país e o consumo nas cidades do sur

Mongolia Interior produce ao redor de 6 millóns de toneladas de leite ao ano, o dobre que Galicia, sendo a principal rexión produtora. Presenta un clima temperado durante todo o ano que ofrece as condicións ideais para o crecemento de pastos e forraxes.

Esta rexión autónoma é a sede das dúas principais marcas lácteas do país, Yili e Mengniu, que posúen tanto granxas e terras para produción forraxeira como fábricas de envasado e transformación. O Val da Intelixencia e a Saúde do Futuro de Yili, coñecido como o Silicom Valley dos produtos lácteos, alberga fábricas de envasado de leite, iogures e preparados infantís co maior nivel de dixitalización tecnolóxica do mundo. A empresa utiliza estándares occidentais e comprometeuse, do mesmo xeito que fixo tamén Mengniu, a lograr a neutralidade de carbono en toda a súa cadea de produción agrícola, gandeira e industrial para 2050.

Yili comprou a segunda maior cooperativa de Nova Zelandia e Mengniu mantén unha alianza coa danesa Arla

Pero a industria láctea chinesa empezou xa a saír do país, asentándose principalmente en países da súa contorna, como Indonesia ou Tailandia, aínda que estendendo tamén a súa presenza a Nova Zelandia, Australia, Latinoamérica ou mesmo Europa. En Galicia a empresa Yeeper Dairy está presente en Monforte de Lemos, onde comprou Queserías Prado e proxecta novos investimentos para ampliar a súa planta de leite en po, que pertencera á cooperativa francesa Sodiaal.

Fomento do consumo de lácteos

O leite non formaba parte da dieta tradicional chinesa. Foi no século XIX, durante a dinastía Qing, cando este alimento foi introducido no país polos misioneiros e comerciantes estranxeiros.

Durante décadas, o consuno de leite limitouse a zonas urbanas con presenza de poboación foránea. As primeiras industrias lácteas foron fundadas por empresarios británicos, franceses e daneses en cidades como Xangai, Tianjin ou Beijing.

O consumo per cápita sitúase en 36 litros ao ano, a metade que en España

Trala fundación da República Popular China en 1949, o goberno comunista comezou a promover o desenvolvemento da industria láctea no país, coa creación de granxas colectivas, cooperativas e empresas estatais.

Pero o despegue do sector lácteo chinés non chegou ata as reformas económicas de 1978, que abriron o país ao sector privado e ao mercado internacional. A oferta multiplicouse coa entrada de novos actores e o consumo entre a poboación disparouse cunha clase media en expansión que busca unha alimentación máis variada e occidentalizada.

Mengniu, participada polo Estado, financia o programa espacial chinés, mentres Yili está involucrada no mundo do deporte

O consumo per cápita pasou de 25 litros en 2006 a 36 en 2019 e o consumo de leite entre a poboación está considerado hoxe en día beneficioso para a saúde, tralo impacto negativo entre os consumidores da crise do leite adulterado con melanina en 2008, que causou a morte a 6 bebés e a intoxicación a milleiros máis.

Estímase que o consumo de leite cru superará as 43.000 toneladas en 2023. Os supermercados ofrecen frecuentes promocións de leite líquido e o prezo de venda sitúase en 12,58 CNY/litro (1,6 euros). O valor das vendas retallistas de produtos lácteos en 2021 foi de 62.000 millóns de dólares, o que o converte no segundo mercado máis grande do mundo despois dos EEUU.

[box style="0"]

China absorbe un de cada catro litros de leite que circulan polo mundo

[caption id="attachment_206583" align="aligncenter" width="640"] A poboación nova das cidades do sur e o leste máis poboadas, cun perfil máis cosmopolita e moderno, é o prototipo de consumidor lácteo en China[/caption]

China segue sendo o gran motor da demanda de lácteos no mercado internacional, aínda que nos últimos dous anos está a reducir as súas compras. As importacións de produtos lácteos de China viñan medrando significativamente entre 2013 e 2021 (agás na crise de 2015) a unha taxa acumulativa do 10,6% anual, aínda que ese vento cortouse en 2022, cunha caída do 16,5%, que reduciu o crecemento ao 7,2% anual, e continúa tamén en 2023.

No primeiro semestre deste ano, as importacións chinesas rexistraron unha caída do 10,4% en toneladas de produto, do 23,8% en litros de leite equivalentes e do 4,5% nos valores medidos en dólares.

China centrouse este ano en reducir as existencias acumuladas durante a pandemia

A situación coincidiu na primavera cunha produción mundial de leite superior á de anos anteriores nas principais rexións produtoras a nivel internacional, o que acentuou a caída de prezos xeneralizada de 2023.

A economía chinesa non acaba de arrincar

A caída nas compras de China responde a varios factores, entre eles unha maior produción propia, grandes stocks de produto tralas históricas compras do ano 2021 e o proceso inflacionario que está a lastrar o arranque da economía chinesa tralo levantamento das medidas de covid cero nas cidades.

Historicamente sempre houbo unha forte relación entre o crecemento económico de China (medido polo PIB per cápita) e o seu volume de importación de produtos lácteos. Por iso, na actualidade, o momento dunha recuperación da demanda láctea chinesa segue sendo moi incerto.

China acapara o 25% das importacións de produtos lácteos no mundo

O comportamento das importacións chinesas é moi relevante para a determinación dos prezos en calquera zona produtora do mundo. As compras de China no mercado internacional acadaron o seu récord no ano 2021, con case 20.000 millóns de litros de leite equivalentes, o que supón unha cuarta parte de todo o comercializado no mercado internacional.

É tal a capacidade chinesa para desestabilizar o mercado, que no ano 2022 unha caída do 17,1% nas importacións chinesas supuxo unha baixada de máis do 4% do comercio mundial de produtos lácteos, cando o comercio internacional de lácteos sobe normalmente a un ritmo dun 3% anual. 

Ante a caída nas compras chinesas, Fonterra buscou este verán refuxio nos mercados do norte de África

Este mesmo ano, a paralización nas compras de leite en po por parte de China obrigou á cooperativa neozelandesa Fonterra a buscar refuxio en Alxeria, ofertando en agosto 40.000 toneladas de leite en po a 3.000 dólares a tonelada na subasta de ONIL, para dar saída deste xeito aos seus excedentes non vendidos a China, o que provocou unha caída considerable nos prezos do Global Dairy Trade (GDT), unha das subastas de referencia a nivel internacional. 

Protagonismo do leite en po

[caption id="attachment_211473" align="aligncenter" width="768"] Evolución das importacións de produtos lácteos de China (Fonte OCLA)[/caption]

Normalmente unha terceira parte do valor das importacións realizadas por China correspóndese con leite en po. Pero neste momento o crecemento do consumo interno de leite é lento, o que fai que parte do incremento que se está dando na produción de leite nacional acabe convertido en leite en po, o que fai diminuír a demanda de importacións.

China é o principal importador mundial de leite en po enteiro e o seu principal provedor é Nova Zelandia. O 90% do leite en po enteira que entra a China procede deste país (456.841 toneladas en 2022). Séguenlle, a moita distancia, Uruguai (con 19.000 toneladas) ou Australia (con 13.000).

China mantén aranceis de represalia sobre a maioría dos produtos lácteos estadounidenses e condicións vantaxosas aos neozelandeses

España exportou o ano pasado un total de 437 toneladas de leite en po a China, unha cifra amplamente superada neste 2023 (ata agosto exportáronse 658 toneladas, un 35% máis que en todo 2022).

O Acordo de Libre Comercio asinado en 2008 entre China e Nova Zelandia foi reducindo gradualmente os aranceis sobre os produtos lácteos importados por China desde Nova Zelandia até chegar a cero en 2019. Con todo, no acordo adoptáronse medidas especiais de salvagarda para determinados produtos, como o leite, o leite en po, a manteiga e o queixo. Unha vez que o volume de importación supera un tope, deixa de aplicarse o tipo arancelario acordado. O período aplicable destas medidas especiais finaliza en 2023.

Aumenta o consumo de queixo

O xigante asiático é tamén o principal importador de manteiga, mentres a compra de queixos mantense polo de agora nun segundo plano, aínda que a occidentalización da sociedade chinesa está a modificar os seus hábitos de compra e alimentación, incrementándose nos últimos anos o consumo de queixos, o que abriu oportunidades de negocio para empresas como a galega Quescrem, que é a empresa española que máis queixo vende en China.

O consumo de queixo segue concentrado nas cidades prósperas das provincias do sur e do leste

Prevese que o consumo de queixo siga crecendo, o que incentivará novos investimentos no sector, aínda que a produción queixeira a partir de leite de orixe chinesa segue sendo limitada e a maior parte do queixo producido en China (unhas 25.000 toneladas) incorpora queixo importado como ingrediente.

O consumo de queixo segue concentrado polo momento nas cidades prósperas das provincias do sur e do leste. China importa anualmente unhas 150.000 toneladas de queixo. Nova Zelandia domina o mercado, con case o 70% do total, seguido de Australia, Italia e os EEUU.

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada