Desenvolvemento rural

Charlas este mércores en Guntín e Monforte sobre os danos da fauna salvaxe

16/04/2019 9:32 a.m.

A asociación AGROMURALLA ven denunciando dende fai tempo os perigos e riscos para a saúde animal e humana provocados polo xabaril, así como os danos que ocasionan os porcos bravos nos cultivos, sen esquecer os accidentes de tráfico provocados por esta fauna salvaxe que, advirten, “campa sen control polo rural galego dende fai xa algúns anos, e dende fai algúns meses polas mesmas cidades”.

Neste sentido, AGROMURALLA, en colaboración con APERFASA (asociación de prexudicados pola fauna salvaxe en Galicia), organiza esta semana dúas charlas informativas na provincia de Lugo.

Serán este mércores, ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Guntín e ás 16:30 horas na Cooperativa Lemos de Monforte. Estas charlas están abertas a todos aqueles que se consideren interesados e/ou prexudicados polos danos que ocasiona a fauna salvaxe.

A finalidade última, destacan dende AGROMURALLA, “é achegar información e dotar de ferramentas de defensa ós prexudicados por esta lacra que está facendo que, en moitas zonas do noso territorio, a actividade agrogandeira sexa insostible e antieconómica a consecuencia da intrusión da fauna salvaxe nas leiras”.

Etiquetado
Ir a la portada