Axenda

Catro xornadas técnicas no Centro de Formación Agroforestal de Lourizán

A Escola acollerá este mes dous cursos sobre apicultura e micoloxía, así como dous seminarios técnicos adicados á aplicación Oruxmaps e á tecnoloxía Lidar, que permite a execución de medicións forestais

Campo Galego 03/10/2016 11:25 a.m.

O Centro de Experimentación e Formación Agroforestal de Lourizán, tamén coñecido como a Escola de Capataces Forestais, acollerá este mes un total de catro xornadas técnicas.A asistencia a calquera dos cursos é gratuita, pero require de inscripción previa, ben a través do e-mail cfea.lourizan@edu.xunta.es, ben no teléfono 986-80.50.88.

A oferta de formación para este mes de outubro será a seguinte:

- A apicutura como parte da xestión forestal sostible
O curso desenvolverase entre o 10 e o 13 de outubro en sesións de tarde (luns de 16 a 19 horas, e de martes a xoves de 15.30 a 20.30 horas). O programa do curso inclúe cuestións sobre ecoloxía e linguaxe das abellas, requisitos legais para a produción, a organización do traballo na alvariza ou a trashumancia como estratexia de manexo.

- Manexo da aplicación Oruxmaps para facer do móbil un GPS a nivel forestal
O seminario, que impartirá Juan Carlos Lemos, celebrarase entre o 13 e o 19 de outubro en horario de 16 a 20 horas. A formación incluirá unha primeira parte teórica sobre a aplicación Oruxmaps e sobre Gps Status, con explicacións sobre cuestións como a toma de puntos ou a creación de liñas e superficies.

O cuarto día farase unha práctica de campo e o último día descargarase e manexarase a información captada no ordenador.

- Xornada sobre micoloxía
O curso desenvolverase entre o 18 e o 25 de outubro en horario de tarde (16 a 20 horas). Estará impartido por Jaime Blanco Dios e centrarase en abordar coñecementos básicos sobre os fungos e sobre o recoñecemento das principais especies comestibles e velenosas.

- Conceptos básicos de Lidar forestal
A xornada técnica impartirase entre o 19 e o 28 de outubro, en horario de 16 a 20 horas. O programa abordará, entre outras cuestións, as seguintes:
- Funcionamento básico da tecnoloxía Lidar
- Software libre de sistemas de información xeográfica e Lidar
- Dispoñibilidade de información Lidar: datos existentes e características.
- Xerar modelos de elevación, superficies e alturas de vexetación.
- Rodalizar os tipos de masa forestal con información de base: ortofotografía aérea, cartografía, servizos WMS e información Lidar.

Durante o curso, empregaranse as ferramentas informáticas Qgis, Fusion e LasTools.

Etiquetado
Ir a la portada