Viña

As catro IXPs dos viños de Galicia alíanse para “medrar xuntas”

Seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e quince adegas das catro Indicacións Xeográficas Protexidas xuntan os seus esforzos nun proxecto de cooperación para dinamizar o sector vitivinícola e contribuír a súa consolidación e crecemento futuro

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 03/11/2021 11:15 a.m.

Seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e quince adegas das catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) xuntan os seus esforzos nun proxecto de cooperación que se presenta o vindeiro 4 de novembro ás 17.30 no Pazo da Cultura de Pontevedra para "dinamizar o sector vitivinícola e contribuír a súa consolidación e crecemento futuro".

As IXP galegas relacionadas co sector vitícola queren apoiarse e unir forzas para medrar xuntas. Os obxectivos do proxecto son dinamizar os operadores e establecer canles de colaboración entre elas, impulsando o sector vitivinícola en cada un dos territorios; contribuír a consolidar e aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños así como a formación en proxección e comercialización dos elaboradores, favorecendo un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas. 

As accións que se levarán a cabo

Entre as accións previstas no proxecto está a celebración de xornadas de dinamización e Túneles do Viño ligados a cada un dos GDR. As xornadas perseguirán a dinamización, divulgación e animación interna, abordando retos de futuro, a dinamización da viticultura e a procura dunha mellor percepción social e coñecemento das IXP, dos seus viños e dos territorios.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Os Túneles do Viño son outra das actividades contempladas no proxecto. Parellas ás xornadas, realizaranse no territorio de cada unha das IXP de viño galegas e funcionarán como espazo de mostra, promoción e degustación de todas as referencias de viño amparadas baixo o selo das IXP. Realizaranse varias catas ao longo do día co obxectivo de facilitar a participación de diferentes perfís sociais: institucional, canle HORECA, sector vitivinícola e outros axentes.

Ademais, co obxectivo de impulsar o potencial enoturístico das comarcas que inclúen as IXPs, traballarase tamén na identificación dos elementos, contidos e actividades de interese enoturístico, creando unha rede de establecementos colaboradores coas IXP a partires dun receitario de menús enogastronómicos. Complétase esta acción coa elaboración dun documento-guía de adaptación das adegas ao enoturismo que lles permita aos operadores das IXP crear e mellorar nas súas instalacións zonas de exposición de viños, cata ou degustación.

Tamén se traballará o posicionamento dixital das IXP mediante a construción dunha plataforma web promocional, unha campaña publicitaria e a elaboración dun plan de comunicación.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

[caption id="attachment_156468" align="alignnone" width="1200"] Cartaz de presentación do proxecto das IXP Viños de Galicia[/caption]

Presentación e Túnel do Viño en Pontevedra

A primeira xornada de dinamización, que servirá como acto de presentación do proxecto, celebrarase o xoves 4 de novembro ás 17.30h horas no Pazo da Cultura de Pontevedra e contará cun espazo para a divulgación, centrado na calidade dos viños amparados polas IXP, a cargo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e unha mesa redonda.

Na mesa redonda abordaranse a importancia dos recursos enoturísticos, as oportunidades de mercado, os novos modelos de consumo e a caracterización oceánica e ribeirá dos viños das indicacións galegas. Participarán Luís Paadín (profesor e Técnico de Viticultura e Enoloxía da Universidade de Vigo), Antonio Portela (experto en cata de viños, viticultura e enoloxía) e Rafa Quintía (antropólogo e economista).

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O primeiro dos túneles, correspondente á IXP Ribeiras do Morrazo, realizarase en Pontevedra o sábado 20 de novembro de 2021 na nova sede do grupo coordinador, GDR Pontevedra Morrazo no lugar de Os Campos nº 19 de Mourente.

Nesta ligazón podes descargar o dossier con toda a información do proxecto. 

 

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada