Desenvolvemento rural

Catastro ten mal identificada a propiedade dun 30% das terras rústicas de Galicia

A desactualización do rexistro dificulta a habilitación de franxas de protección contra o lume arredor dos núcleos de poboación. Medio Rural quere que as terras de propiedade descoñecida pasen a ser de xestión pública autonómica

Campo Galego 19/07/2019 4:01 p.m.

Galicia ten 11 millóns de parcelas rústicas, un 28% do total de España, con 1,7 millóns de propietarios. Cada propietario conta de media con 6,7 parcelas de 2.500 metros cadrados. Tal escenario de minifundio enrédase aínda máis pola desactualización dos datos de propiedade. Catastro ten mal identificada a propiedade de arredor dun 30% das terras rústicas de Galicia, o que dificulta múltiples iniciativas, coma proxectos de xestión en conxunto ou a habilitación de franxas de protección contra o lume arredor dos núcleos de poboación.

A Consellería do Medio Rural, que trata de impulsar a habilitación de franxas de protección contra o lume en colaboración cuns 200 Concellos, está a atoparse coas dificultades derivadas do caos de Catastro. A Xunta puxo a disposición dos Concellos unha aplicación informática que lles permite automatizar a impresión de notificacións con destino ós propietarios afectados polas franxas de protección. Problema, arredor dun 30% dos propietarios das franxas están mal identificados.

O conselleiro do Medio Rural, José González, recoñeceu esta semana a situación. “Temos 1,1 millóns de propietarios de parcelas en franxas de protección, dos que hai máis de 300.000 que carecen de NIF, segundo os datos de Catastro. Son propiedades rexistradas ou ben a nome de persoas que vivían antes de que existira o NIF en España ou ben a nome de herdeiros sen identificar”, sinalou González nun acto sobre a mobilidade da terra rústica en Galicia.

Parte dos titulares sen identificar no Catastro poden ser localizados, pero outra parte é descoñecida, o que dificulta calquera iniciativa de xestión conxunta da terra ou mesmamente a creación de franxas de protección arredor dos núcleos poboados. A normativa autonómica permite que nas franxas a propia Xunta asuma as tarefas de xestión da biomasa de parcelas de propietario descoñecido, decomisando a madeira obtida; pero o problema de fondo non se resolve.

Titularidade a favor da Xunta das terras de propiedade descoñecida
A Administración proxecta cambiar o escenario na futura Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terra Agraria de Galicia, que quere aprobar a fins do 2019 ou comezos do 2020. Esa normativa atibuiralle á Xunta a propiedade de toda terra que continúe sendo descoñecida tras un proceso de investigación sobre a titularidade da mesma.

A Comisión Superior para o Estudo do Dereito Civil Galego emitiu recentemente un ditame favorable á atribución dos bens vacantes en favor da Xunta, segundo nota de prensa da Consellería de Presidencia. A medida afectaría só ós bens abandonados sen dono coñecido, de xeito que esas propiedades poidan ser incorporadas a posibles figuras de xestión conxunta da terra, coma polígonos agroforestais -que se queren regular na Lei de Recuperación de Terras-, ou Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).

Etiquetado
Ir a la portada