Noticias de empresa

Catálogo de solucións Kenogard para pataca

Campo Galego 02/04/2018 12:23 p.m.

Kenogard segue apostando por incorporar novidades aos seus catálogos de cultivos extensivos. Nesa liña, a empresa traballou para reforzar o seu catálogo de solucións para pataca coa recente incorporación de KenoTrin® Geo, insecticida granulado para control de pragas de chan. Este produto vén reforzar un catálogo que se ampliou nos últimos anos coa incorporación doutros insecticidas, como Novodor®, produto ecolóxico para control de escaravello, ou Dantotsu®, insecticida a base de clotianidina.

Na parte de funxicidas, ademais do funxicida antimildeu Leimay®, ou Kabuto®, para control de alternaria, Kenogard comercializa Rizolex®, produto para combate de rizhoctonia. En herbicidas, a firma incorporou Dorai®.

KenoTrin® Geo, control insecticida desde o inicio

Kenotrin® Geo é un insecticida desenvolvido para o control de pragas de chan que poden atacar á pataca nos seus primeiros estadios (sementeira e implantación): vermes de arame (Elatéridos, Agriotes), vermes grises (Rosquillas, Agrotis) ou vermes brancos (Melolontha), entre outros.

O produto formúlase como un microgránulo de tamaño homoxéneo e con ausencia de po, coa tecnoloxía ‘G Plus’, que actúa como protección do produto e que modula a súa liberación ao medio. Esta formulación permite combinar a rapidez de acción xunto cunha axeitada persistencia no chan, incrementando o período de protección da planta.

O insecticida presenta actividade por contacto e repelencia, con efecto barreira. Ten alta eficacia insecticida e total selectividade para o cultivo.

Kenogard recomenda unha dose de 10-15 kg/ha, no momento da sementeira, localizando o produto na liña con máquinas ou equipos de microgránulos habilitados para este tipo de aplicación. Tamén pode enterrarse na fila durante o aporcado.

Leimay®, contra o mildeu
Leimay® é un novo funxicida, formulado a base de amisulbrom ao 20% (SL), que se caracteriza polo seu excelente efecto barreira fronte aos graves ataques de mildeu en pataca, entre outros cultivos, con acción preventiva e un forte carácter antiesporulante.

A través deste produto, Kenogard S.A. ofrece unha nova ferramenta para o control de mildeu en pataca. En condicións de humidade elevada e temperaturas medias, os danos que causa este fungo son devastadores. Para poder ter un bo control de mildeu, o mellor é realizar aplicacións preventivas que manteñan a planta protexida. Leimay® permanece estable en condicións de choiva e presenta unha boa persistencia protectora, sendo unha solución moi axeitada para a loita contra o mildeu, segundo a empresa.

Leimay® caracterízase por ser un produto de fixación ás ceras cuticulares, o que lle confire unha elevada resistencia ao lavado. Leimay® demostrou ser eficaz na inhibición da xerminación de zooesporas e zooesporanxios mesmo a concentracións moi baixas, o que lle confire unha excelente persistencia ao longo do tempo.

En pataca, Leimay® pode ser aplicado ata 3 veces por campaña, desde o inicio do cultivo, onde se recomenda a mestura cun produto sistémico, ou nas últimas fases do ciclo antes da recolección, cun prazo de seguridade de 7 días, á dose de 0,5 l/ha.

Etiquetado
Ir a la portada