Desenvolvemento rural

Case o 50% dos socios das cooperativas agrarias son mulleres pero só ocupan o 3% das presidencias

Este 15 de outubro conmemórase o Día Internacional da Muller Rural. AGACA alerta contra o “erro da invisibilidade da muller rural”

15/10/2015 7:40 p.m.

As mulleres representan case que o 50% dos socios das cooperativas agrarias galegas, pero só o 12% dos cargos do consello reitor e o 3% das presidencias están ocupados por mulleres.

Son datos dados a coñecer hoxe pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), con motivo do Día Internacional da Muller Rural.

En Galicia, as mulleres sempre estiveron máis concentradas no traballo da explotación e da casa e non adoitan ser protagonistas en ámbitos públicos, como a cooperativa agraria da que forman parte, o que da mostra da súa invisibilidade na agricultura e na gandeiría.

“É difícil asimilar que un conxunto tan representativo poida pasar habitualmente tan desapercibido e ignorado tendo en conta a súa excepcional contribución no ámbito agrario tanto a nivel económico como social e familiar”, lamentan dende AGACA.

Segundo a ONU, as mulleres rurais representan unha cuarta parte do conxunto da poboación mundial e nos países en desenvolvemento, supoñen arredor do 43% da man de obra agrícola.

Xornadas para promover o empoderamento da muller rural

Co obxectivo de promover o empoderamento da muller a nivel persoal e profesional, desde AGACA veñen desenvolvendo actividades específicas para que as mulleres se sintan capacitadas e se animen a participar en órganos de xestión e decisión, como os consellos reitores ou as asembleas.

Xornadas como “Atrévete contigo mesma”, organizadas por AGACA, que terán lugar no mes de novembro en distintas localidades galegas. Tamén, mañá venres, organizado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais de Galicia, terá lugar, no Auditorio do Concello de Vila de Cruces, un acto específico titulado “Emprendemento e Empoderamento da Muller Rural”, no que a técnica de AGACA e Axente de Igualdade de Xénero, Ruth Rodríguez, exporá a realidade das cooperativas galegas, as iniciativas que están a desenvolver neste senso e os avances xa obtidos.

Etiquetado
Ir a la portada