Viña

Casal Novo: A historia de 5 socios que se uniron para producir o mellor viño de Valdeorras

Sat Casal Novo é unha das adegas máis novas da Denominación de Orixe Valdeorras pero tamén unha das que acumula máis distincións para os seus viños. A clave: apostar por unha viticultura moderna e pola colaboración entre pequenos produtores

Loading ad.
Ad could not be loaded.
D.G. 01/09/2018 11:13 p.m.

Sat Casal Novo é unha das adegas máis novas da Denominación de Orixe Valdeorras pero tamén unha das que acumula máis distincións para os seus viños. A clave foi apostar por unha viticultura moderna e pola colaboración entre pequenos produtores

Así, esta sociedade naceu no ano 2000 no concello de Rubiá da man de 5 veciños da zona, todos eles con tradición familiar na viticultura e que decidiron crear unha sociedade para modernizar os viñedos e seren competitivos.

“Somos 5 socios, eu, José Luis, Fernando, Luis Arias, Miguel Ángel Rodríguez e Mari Carmen López. Xa eramos amigos de antes, todos contabamos cos nosos traballos e tamén con pequenos viñedos que herdáramos dos nosos pais e que non queríamos deixar abandonados, polo que decidimos xuntarnos para ser máis competitivos e cultivar a viña e elaborar o viño en común”, explica José Luis García Pando, un dos socios, que compatibiliza o seu traballo de funcionario da Xunta de Galicia coa presidencia do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Para o vindeiro ano plantarán 2 hectáreas de Godello e de variedades tintas como Brancellao e Sousón

Na actualidade a SAT Casal Novo conta con 7 hectáreas de viñedo, das que 4 son da variedade Godello e 3 de Mencía. “Para o próximo ano temos previsto plantar outras 2 hectáreas no entorno da adega, principalmente de Godello pero tamén doutras variedades tintas como Brancellao e Sousón, pois nos tintos o coupage de distintas castes funciona moi ben”, avanza José Luis García Pando. Paradoxalmente, lograr parcelas dun tamaño rendible é complicado nesta zona debido ao elevado minifundio, malia que moitas fincas se atopan abandonadas.

A maior parte dos traballos nos viñedos e en adega realízano os propios socios, compatibilizándoo coas súas ocupacións. No ano 2004 deron un salto cualitativo ao recibir o Casal Novo Mencía o premio ao mellor viño tinto de Galicia nas catas organizadas pola Consellería de Medio Rural. Outra data importante foi no 2007, cando inauguraron a nova adega na aldea de Malladín, unhas modernas instalacións con capacidade para elaborar ata 80.000 litros.

Neste momento elaboran uns 50.000 litros anuais, coa previsión de medrar a medida que entren en plena produción os viñedos que plantaron hai 7 anos, así como as novas plantacións que teñen previsto realizar.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Tanto Casal Novo Godello como Casal Novo Mencía son viños xóvenes que están a colleitar éxito de crítica e de mercado. As claves son un manexo da viña esmerado, cun cultivo de forma selectiva, individualizada e respectuosa co medio ambiente. O outro elemento que diferencia estes viños é o terroir. E é que os viñedos de Casal Novo (Valdegollufe, A Ponticela ou Val de Seara, son algúns deles), están situados nas terras altas de Valdeorras, en Rubiá, cunha altura media de 550 metros. “Son terreos ideais para a viticultura, e de feito aquí aplicamos moi poucos tratamentos fitosanitarios. Os solos son pizarrosos pero mesturados con calizas e temos moita luminosidade ao longo do ano, o que permite lograr unha uva excelente”, explica José Luis.

“Os terreos de Rubiá son ideais para a viticultura”

En canto aos mercados, arredor do 50% dos viños de Casal Novo comercialízase en Galicia, un 35% no resto de España e en torno ao 15% expórtase, principalmente a Estados Unidos, Inglaterra e Alemaña, países todos eles onde a palabra Godello está de moda e xa se asocia a un viño branco sorprendente.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En canto ás previsións para este ano, nesta adega agardan unha vendima normal, iso si, con algo de atraso, e cunha produción lixeiramente inferior debido á maior incidencia das enfermidades fúnxicas.

Unha adega nova pero cun importante palmarés de premios

Malia levar só 18 anos no mercado, os viños de Casal Novo xa contan cun envexable palmarés de premios. Así, no 2004 o seu Mencía foi distinguido como o mellor viño tinto de Galicia; no 2017 o seu Godello obtivo o Primeiro Premio en brancos na Feira do Viño de Valdeorras; na prestixiosa lista de Robert Parker son valorados anos tras ano por riba dos 90 puntos, ao igual que na Guía Peñín. E no 2016 a Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia que dirixe o coñecido sumiller Luis Paadín, outorgoulle a medalla de ouro ao Casal Novo Godello 2014.

“Sen dúbida os premios e as boas críticas axúdannos a vender mellor, pero a nosa maior satisfacción e o que máis nos motiva son os clientes que gozan cos nosos viños”, conclúe José Luis García Pando.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada