Apicultura

A Casa do Mel de Goente acolle a vindeira semana as Xornadas Apícolas do Eume

O programa formativo, adaptado á situación actual de pandemia sanitaria, inclúe unha ponencia sobre a cría de raíñas e unha demostración sobre a importancia do castiñeiro como especie melífera. Para asistir, é necesaria inscrición previa

Campo Galego 29/09/2020 7:29 a.m.

É unha das referencias no calendario apícola galego e, malia as especiais condicións pola pandemia sanitaria da Covid-19, a Casa do Mel de Goente non quixo faltar á súa cita anual cos afeccionados e profesionais abelleiros. Por iso, aínda con aforo limitado e necesidade de inscrición previa, a vindeira semana celebraranse nas Pontes as Xornadas Apícolas do Eume, que chegan este ano á súa 21 edición. 

Desde o xoves día 7 de outubro ao sábado 10 desenvolveranse distintas actividades entre as que se inclúen a tradicional cata de meles de produtores da comarca, con diploma de recoñecemento ao mellor mel claro e ao mellor mel escuro.

Haberá tamén distintas accións formativas, que terán este ano na importancia do castiñeiro como especie melífera un dos seus temas centrais. Outro dos poñentes destacados na edición deste ano será o apicultor vasco Koldo Belasko, que atesoura 20 anos de experiencia no sector e que falará sobre a cría de raíñas como maneira de manter un fondo xenético axeitado nas explotacións apícolas. O programa inclúe tamén distintos obradoiros prácticos, como por exemplo un sobre o control da vespa velutina.

Os interesados en participar nas distintas actividades deberán facer unha inscrición previa na Casa do Mel, xa que todas as actividades terán aforo limitado para deste xeito poder manter a distancia de seguridade interpersoal como medida para previr os contaxios de coronavirus. Para máis información pode chamarse ao teléfono 661003616 ou escribir un email a info@casadomel.es

Programa completo: 

Ir a la portada