Desenvolvemento rural

Casa Grande de Xanceda celebra o Día da Muller cun baile reivindicativo

As mulleres desta granxa coruñesa en ecolóxico visibilizan os seus pasos pola igualdade nun vídeo con moito ritmo e calzadas con botas violetas. A acción busca achegar ós máis novos estes valores

Campo Galego 08/03/2022 9:31 a.m.

Traballadoras de diversos departamentos da granxa ecolóxica, Casa Grande de Xanceda, situada en Mesía (A Coruña), quixeron visibilizar un ano máis os seus esforzos por lograr a igualdade. Nesta ocasión fixérono nun vídeo e cunha coreografía na que amosan que as mulleres rurais 'pisan' forte pola igualdade. 

O vídeo da acción ten unha narrativa propia da rede social Tiktok, coa que busca achegarse ao público máis novo e promover este tipo de valores nas novas xeracións.

No vídeo, as mulleres dan un chimpo e caen dentro dunhas botas de auga violetas que levan estampado o texto “As mulleres do rural pisamos forte”. Hoxe en día este é o tipo de calzado que se usa nas granxas pero, antigamente, as mulleres daban os seus pasos cara a igualdade con zocos. Por isto, para pechar o círculo, a granxa sorteará entre os seus subscritores uns pequenos zocos lilas de Elena Ferro, artesá e zoqueira galega.

Unha granxa pola igualdade

Esta é unha acción de responsabilidade social corporativa de Casa Grande de Xanceda. A granxa emprega a 54 persoas, un 62% mulleres rurais.

Outras accións da marca realizadas outros anos foron o símbolo da muller segado en herba máis grande do mundo ou un enorme graffiti feito en pacas de herba seca para reivindicar a imprescindible figura da muller no rural.

Etiquetado
Ir a la portada