Carne

Carne de rubia galega ecolóxica de Friol para o mercado europeo

A gandeiría Traloagro pon en funcionamento un centro de procesado de carne para elaborar produtos de calidade destinados tanto ao mercado galego e español como a países como Francia ou Bélxica

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 29/11/2019 10:51 p.m.

[caption id="attachment_105349" align="aligncenter" width="660"] Manolo Gómez (á dereita) e a súa filla Isabel xunto ao alcalde de Friol, José Ángel Santos, e ao subdirector do Agader, Javier Blanco.[/caption]

O concello lugués de Friol conta desde esta mañá cun centro de procesado e elaboración de produtos de carne ecolóxica destinados tanto ao mercado galego e español como á exportación a países europeos como Francia ou Bélxica, onde os produtos ecolóxicos contan cunha maior cota de mercado.

Detrás deste proxecto atópase a gandería Traloagro, ubicada no lugar de Burgo de Negral, na parroquia de Pacio, e que conta neste momento con 160 cabezas de gando vacún de raza rubia galega e unha granxa de polos campeiros da que saen 110.000 polos ao ano.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Pretenden comercializar a súa propia carne e a doutros gandeiros da zona que produzan en ecolóxico

Segundo explicaron os impulsores desta iniciativa, Manolo Gómez e os seus fillos Isabel e Tito, pretenden poñer no mercado unhas 700 canais de vacún ao ano, tanto becerros como vacas de desvelle, polo que a medida que o proxecto vaia medrando mercarán tamén animais a outros produtores da zona. "A nosa produción non nos chega", indicou Isabel.

"Decidimos poñer en marcha este proxecto para comercializar a nosa propia carne", explicou, pero o que comezou sendo un pequeno proxecto de poñer en marcha unha carnicería foi medrando para converterse nun proxecto de maior calado e envergadura.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"Coñecemos o mercado centroeuropeo, sobre todo o mercado francés e belga, e vemos que aquí moitas veces non valoramos dabondo o que producimos, que ten moita calidade, e o ecolóxico aínda máis", engadiu. "Hai moito interese pola rubia galega en Europa, fálase moito dela e comercialízase moito xa en Francia e Bélxica, pero a que chega a estes países é rubia galega convencional", indicou.

"Hai moito interese pola rubia galega en Europa e países coma Francia, que teñen moito máis desenvolvido o mercado ecolóxico, demandan produtos de calidade", di Isabel

Por iso eles pretenden encher o oco existente para a carne ecolóxica. "Francia ten moito máis desenvolvido o mercado ecolóxico do que está aquí e hai moito interese polos produtos de calidade", asegurou. De feito, Traloagro xa ten feito contactos con distribuidores franceses e belgas para comercializar os seus produtos en restaurantes de alta gama, hoteis 5 estrelas e tendas delicatesen.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Volta á terra

[caption id="attachment_105376" align="alignright" width="300"] As vacas da explotación familiar pacen en extensivo 120 hectáreas de pradeiras ecolóxicas[/caption]

Manolo, o patriarca da familia, falou na inauguración da "ilusión" coa que a familia encarou este proxecto. El tivo que marchar de Galicia en busca de oportunidades. Emigrou a Bélxica, onde se adicou ao sector da hostalaría. Pero os seus fillos Tito e Isabel decidiron emprender o camiño de volta a Galicia e poñer en marcha fai 10 anos na casa familiar de Friol, á que voltaban todos os veráns, unha explotación ecolóxica de vacas de carne e polos seguindo as ensinanzas que aprenderan dos avós.

"Contamos con 120 hectáreas de terreo onde temos as vacas, unhas 160 cabezas entre nais e becerros, que pacen en extensivo e só se meten nos últimos dous meses para o cebo final en boxes de palla", explicou Isabel. A través dun plan de mellora este ano acondicionaron as instalacións.

Unha das maiores granxas de polo ecolóxico de España

[caption id="attachment_105423" align="alignright" width="300"] O patio ten 4 metros por polo[/caption]

A maiores tamén crian polos campeiros, uns 110.000 ao ano, que tamén pretenden comercializar xunto á carne de vacún. De feito as instalacións do centro de procesado contan con dúas liñas independentes, unha para a elaboración de produtos de carne de vacún e outra para os polos. "Por temas de salmonela e para evitar contaminacións, o polo conta con obrador propio e muelle de carga independente", explicou.

Os polos, ao igual que as vacas, tamén están en ecolóxico. "Buscabamos unha actividade complementaria á das vacas e que fora compatible e decidimos montar a granxa de polos. Cando a montamos era a máis grande de España, con capacidade para 20.000 animais", lembra. A nave está moi automatizada, tanto o subministro de penso e auga como o control da temperatura, o que reduce a man de obra necesaria. No exterior hai 4 metros cadrados de patio por animal.

Vacún maior

[caption id="attachment_105361" align="alignright" width="300"] Canais no centro de procesado[/caption]

Coa carne de vacún, ademáis de cortes especiais das pezas con maior valor comercial, elaborarán outros produtos cos que incrementar o valor de mercado doutras partes e aproveitar deste xeito máis as canais, como por exemplo hamburguesas. "Hai empresas francesas interesadas nas nosas hamburguesas ecolóxicas, que non levan aditivos, polo que para poder vendelas en Francia e que se conserven sen engadirlles produtos químicos imos comercializalas conxeladas", aclarou.

Elaborarán hamburguesas sen aditivos nin conservantes que comercializarán conxeladas para o mercado exterior

Aínda que ao principio se van centrar só na rubia galega, están valorando tamén exportar outras razas, como por exemplo a cachena, en función da demanda que poida haber para ela. Tamén está entre os seus plans o vacún maior. "Ao non haber aínda liñas de comercialización está un pouco parada a certificación dentro da nova IXP Vaca e Boi de Galicia", considerou Isabel.

1.300 metros cadrados 

O centro inaugurado esta mañá, coa presenza entre outras autoridades do alcalde de Friol, José Ángel Santos, do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do subdirector do Agader, Javier Blanco, conta cunhas instalacións que ocupan 1.300 metros cadrados repartidos entre o biocentro cárnico e a ecotenda.

A nave construída no polígono industrial de Friol conta con dúas edificacións. Na principal están as instalacións industriais, con distintas salas de despeze e cámaras de conservación, oficinas e sala de degustación. A edificación anexa acolle a ecotenda, na que ademais dos produtos elaborados por Traloagro tamén se poñerán á venda outros alimentos diversos de orixe ecolóxica, desde marmeladas e conservas ata produtos frescos da horta ou ovos.

A iniciativa contou co apoio da Xunta a través da Consellería do Medio Rural, que concedeu unha achega ao proxecto de 300.000 euros para a actividade industrial de procesado de carne e outros 160.800 euros de fondos europeos Leader da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para o proxecto de comercialización a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR-4) da comarca de Lugo.

[box style="0"]

Carnicería propia na Praza de Abastos de Lugo

[caption id="attachment_105373" align="aligncenter" width="660"] Posto de venda directa que Traloagro vén de abrir tamén na Praza de Abastos de Lugo[/caption]

Pero apostar por vender fóra a carne ecolóxica que producen, na procura dun maior volume de mercado, non significa ter que abandonar o mercado local e de proximidade. Traloagro conta tamén desde este verán cunha carnicería propia na Praza de Abastos de Lugo, un edificio reformado nos últimos anos e que está en proceso de dinamización.

Tamén o centro de elaboración aberto no polígono de Friol conta con tenda para venda directa. A comercialización sen intermediarios foi a idea que moveu o proxecto desde o inicio, para deste xeito poder pechar o círculo coa produción ecolóxica, transformación e comercialización directa dese produto.

En total van xerar 7 postos de traballo entre a granxa, a carnicería e o centro de procesado

Á fronte da carnicería da Praza de Abastos atópase Ana, a muller de Tito. Reciben pedidos vía telefónica e tamén a través da páxina web. Pero a filosofía tanto para o posto da Praza como para a tenda de Friol, a páxina web ou os distribuidores europeos é a mesma: "todo o que imos comercializar é en ecolóxico", aclaran.

A granxa familiar de vacún e de polos aténdena Tito, Isabel e un empregado, na carnicería está Ana e unha empregada e no centro de transformación inaugurado en Friol van xerar 5 postos de traballo máis. "Queremos estar ao 100% xa para este Nadal", di Isabel.

Manolo e a súa familia nunca perderon as raíces e a vinculación co lugar do que tiveron que marchar e, anos despois, decidiron voltar e poñer en marcha unha iniciativa produtiva que crea valor engadido no territorio e que xera riqueza e postos de traballo para que outros non teñan que seguir hoxe o camiño da emigración que eles emprenderon décadas atrás.

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada