Leite

Campaña do Sindicato Labrego para sinalar as industrias lácteas que forzaron unha baixada de prezos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
06/08/2023 9:59 a.m.

O Sindicato Labrego Galego ven de iniciar unha campaña para sinalar as industrias lácteas que forzaron a última baixada de prezos, ao tempo que denuncia a “escandalosa ausencia e desleixo da Consellaría do Medio Rural ante esta baixada e que permanece inactiva ante os flagrantes incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria”.

Ao longo destes días a organización labrega está pendurando faixas “diante das industrias que, como Leite Rio e Puleva asinaron contratos á baixa”. “Estas dúas industrias, das que recentemente veñen de coñecerse datos récord sobre as súas ganancias no último ano, son ademais as que maior recollida de leite teñen en Galiza, polo que ao ser referentes, marcan a liña a seguir do resto de industrias, ficando claro que neste momento todas seguen un patrón semellante”, sinalan dende o SLG.

Ademais, advirten de que “son varias as industrias que teñen un trato desigual coas granxas e modelos de contrato, con condicións distintas que normalmente prexudican ás mais pequenas”. Así, a diferenza entre as granxas galegas do tramo máis baixo de produción e o máis alto, ou o que é o mesmo, entre as granxas pequenas e as grandes, é de 7,48ct/l., “visibilizando unha clara discriminación na que o mesmo produto, coa mesma calidade, é pagado a un prezo moi diferente”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“Desleixo da Consellería do Medio Rural”

Por último, dende o Sindicato Labrego, denuncian que, malia esta situación, “a Xunta, moi lonxe de cumprir coa súa responsabilidade de velar por unha aplicación real da Lei da Cadea Alimentaria, estea a actuar como cómplice necesaria nos abusos das industrias lácteas, facendo oídos xordos ás continuas denuncias do SLG, infrinxindo o seu compromiso de publicar a evolución dos custos de produción -dificultando así o cálculo dun prezo final por litro que cubra custos e remunere o traballo-, abandonando as súas responsabilidades na entrada de leite de fóra e mesmo introducindo modificacións para que poidan acceder ás axudas empresas sancionadas en firme por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria”.

“Mentras o conselleiro José González Vázquez e a Xunta están desaparecidos, a sangría de peche de granxas de leite galegas continúa agravándose: das 6.171 que había fai un ano, xa só quedamos 5.853”, conclúen.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada