Desenvolvemento rural

Campaña de apoio aos programas O Agro e Labranza da TVG

26/04/2017 9:35 p.m.

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes ven de poñer en marcha unha campaña na plataforma Change.org para apoiar o mantemento dos programas O Agro e Labranza da TVG.

A iniciativa, que comezou este mércores pola tarde, xa suma arredor de 500 sinaturas. Xurdiu a raíz da previsión da dirección da Televisión de Galicia de pechar o programa “O Agro”, con máis de 25 anos en antena, ante a suposta redución nun 75% da axuda económica da Consellería do Medio Rural á Tvg para realizar estes espazos de información agraria.

Na carta, dirixida á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e que leva por título “Na lexislatura do rural, queremos programas informativos do rural” os promotores lembran que “o programa “O Agro” da TVG, así como o seu irmán maior “Labranza”, veñen sendo dende hai máis de 25 anos un referente da televisión pública de calidade e o principal escaparate cotiá do noso mundo rural ante o conxunto da sociedade galega”.

Neste sentido, advirten de que a desaparición de O Agro na programación da CRTVG, “significa pechar esta ventá sen deixar alternativa (....) sendo a maiores un programa que lonxe de producir indiferenza no público, tiña altas cotas de seguimento entre os telespectadores”.

“Por último -engaden-, o programa desaparece sen ningún tipo de xustificación nin aviso previo, cunha total falta de transparencia impropia dun medio público de comunicación, e sen ter en conta o seu importante rol como programa vertebrador da Galicia rural e urbana, cada día máis alleas e desconectadas unha da outra”.

Por todo isto, os promotores da campaña de recollida de sinaturas en Change.org solicitan á conselleira do Medio Rural “que se reconsidere de inmediato a decisión da súa Consellería de reducir en gran medida a financiación destes programas, de forma que se manteñan na programación da CRTVG co mesmo espírito de divulgación, coa mesma calidade e vocación de servizo público, que O Agro e Labranza veñen amosando todos en estes anos de emisión ininterrompida, e que lles permitiu entrar nos nosos fogares para darnos unha visión real, á vez que distinta e ilusionante do rural galego”.

Podes asinar a petición neste enlace:

Ir a la portada