Forestal

Cal é o turno de corta óptimo no eucalipto nitens en Galicia?

Unha investigación analiza o impacto da fiscalidade á hora de elixir os periodos de corta da especie forestal que máis se está a plantar en Galicia

Campo Galego 11/08/2020 3:48 p.m.

O turno de corta óptimo dunha especie forestal pódese considerar en base a distintos factores. O básico desde un punto de vista forestal é a idade á que a especie acada a máxima produtividade, tendo en conta turnos sucesivos de corta. Pero para o propietario forestal resulta máis interesante o turno de corta desde unha óptica económica, é dicir, valorando o rendemento neto que obtén, descontados investimentos e impostos a pagar. Iso é o que fixo un recente traballo coordinado polo enxeñeiro de montes Santos Arenas, que valora o turno de corta do eucalipto nitens en Galicia, a especie máis plantada na última década para a produción forestal, segundo os datos dos viveiros galegos.

A análise, pensada para eucaliptos destinados a trituración, toma en consideración tres calidades de produtividade da parcela: altura dominante do eucalipto nitens ós 6 anos de 18 metros (boa), de 14 metros (media) e de 10 metros (baixa). En función da calidade da parcela, a produtividade do eucalipto nitens pode oscilar en Galicia entre os 17 e os 40 metros cúbicos por hectárea e ano.

Nos tres escenarios determinouse o turno económicamente óptimo tendo en conta o tipo de propiedade e os impostos a pagar segundo o caso (IBI rústico, IVA, IRPF e Imposto de Sociedades). En canto ó tipo de propiedade, tivéronse en conta as tres seguintes: pequena propiedade particular de 1 hectárea, cun baixo nivel de profesionalización; de 10 hectáreas, que se beneficia dunha economía de escala en custos e prezos obtidos pola madeira; e monte veciñal, considerando que ten un mínimo de 10 hectáreas plantadas e se beneficia tamén dunha economía de escala.

Unha primeira conclusión do traballo é que o modelo de impostos en Galicia beneficia ó pequeno propietario forestal, en detrimento dos propietarios con maiores superficies e das comunidades de montes veciñais.

O modelo de impostos en Galicia beneficia ó pequeno propietario, en detrimento de agrupacións, montes veciñais ou grandes propietarios, o que non estimula a profesionalización da actividade forestal

O actual sistema de fiscalidade favorece sobre todo ós pequenos propietarios que poden combinar a estimación obxectiva por módulos para o IRPF e o réxime especial agrario para o IVE, o que non estimula a profesionalización da actividad forestal, segundo destacan os autores do traballo (Santos Arenas, profesor no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá; Roque Rodríguez, catedrático na Escola Politécnica Superior de Lugo (USC) e Luis Díaz, catedrático na Escuela de Montes de Madrid, UPM).

O efecto da fiscalidade é especialmente chamativo para montes veciñais e grandes propietarios, pois reduce considerablemente o rendemento económico da actividade forestal. O turno óptimo, non obstante, vese pouco afectado pola fiscalidade, incrementándose un ano nalgúns casos.

Fiscalidade

A fiscalidade grava en especial ós montes veciñais e proxectos conxuntos como as Sociedades de Fomento Forestal. Os montes veciñais están condicionados polo imposto de sociedades sobre os beneficios que non se reinvisten (25%) e no caso de repartir os beneficios entre os comuneiros, estes terán que tributar por incremento patrimonial no IRPF, podéndose estimar unha tributación media do 16%.

É algo similar ó que sucede coas agrupacións de propietarios particulares a través das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), que se ven perxudicadas na súa fiscalidade en comparación co pequeno propietario particular, o que desincentiva as agrupacións. Un traballo feito hai uns anos pola Asociación de Exbecarios da Fundación Barrié, publicado na revista Grial, cifraba nun 33% a fiscalidade que soportarían os propietarios nunha Sofor, en comparación co 8,6% que tería un pequeno propietario particular.

En canto ós propietarios particulares, o propietario de 10 hectáreas, ten que facer fronte ó IBI anual, que repercute nos seus custos, tributará ó IRPF por estimación obxectiva (módulos) e terá que facer declaracións de IVA

O mellor escenario corresponde ó pequeno propietario que tribute IRPF por estimación obxectiva (empeorará se o ten que facer por estimación directa) e que estea no Réxime Especial Agrario, pois non realizará declaracións de IVA (recibe compensacións do 12% na venda de madeira e tributa o 10% de Iva nos custos).

Economía de escala
Á hora de valorar as contas nos distintos tipos de propiedade, un factor que reequilibra parcialmente a balanza é a economía de escala da que se benefician superficies cun mínimo de 10 hectáreas, pois poden ver reducidos os seus custos operativos ata un 40%, segundo valoran os autores, e beneficiarse ademais dun aumento de prezo na madeira vendida en lotes de maior tamaño.

Etiquetado
Ir a la portada