Leite

Cal é a dieta típica das explotacións lácteas galegas?

As granxas de Galicia presentan de media un maior consumo de millo e un menor uso de herba verde e de concentrados que as do resto da Cornisa Cantábrica, segundo conclúe un estudo coelaborado por Mabegondo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 06/09/2017 9:53 a.m.

Un estudo elaborado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, conxuntamente con outras entidades da Cornisa Cantábrica, analizou as dietas máis habituais nas granxas da zona norte. A dieta media das vacas en lactación, en porcentaxes de materia seca, situouse nun consumo dun 15,4% de herba fresca, un 26,7% de ensilado de herba, un 13,5 % de ensilado de millo, un 12,1% de forraxes secos e un 32,3% en concentrados, se ben con importantes variacións en función do tamaño da granxa e da comunidade.

Galicia, en comparación coas comunidades veciñas, destaca por un maior consumo de millo e un menor consumo de herba fresca. Se en Asturias e Cantabria, a herba fresca representa máis do 20% dos ingredientes da dieta (suministrada tanto en pastoreo como en estabulación), Galicia quédase no 13,1%. A situación contraria rexístrase co millo. As granxas galegas consumen unha media de 15,6% de silo de millo fronte ó 8,3% de Asturias.

[caption id="attachment_50311" align="aligncenter" width="660"] Composición media anual da ración das vacas en lactación. / [Definicións: Explotacións en estrato 1 (menos de 25 toneladas), estrato 2 (25-75), estrato 3 (75-175), estrato 4 (175-325), estrato 5 (325-500), estrato 6 (+ 500 toneladas ano). ][/caption]

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A comunidade galega destaca tamén por un menor uso de concentrado, que representa o 31,4% da materia seca da dieta, unha cifra moi similar á de Asturias (31,6%) e moi inferior a Cantabria (39,6%) ou a Navarra (38,9%). De xeito paralelo, Galicia é a comunidade que presenta unha maior taxa de autoabastecemento de forraxe na explotación, co 96%. Só un 28% das granxas galegas declaran mercar forraxe, fronte o 76-88% no que oscilan o resto de comunidades da Cornisa.

Por tamaño da granxa, hai unha correlación clara entre maior produción e maior consumo de millo e de concentrados. Á inversa, as granxas máis grandes consumen menores cantidades de herba fresca e de forraxes secos. Así, as explotacións de máis de 500.000 quilos de produción anual centran a súa dieta no millo (30% do total de materia seca) e nos concentrados (42%), en tanto a herba fresca e os forraxes secos representan o 10% (2,5% herba verde e 7,4% forraxes secos) e o ensilado de herba o 18% restante.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Cinco dietas típicas
En base á forraxe consumida maioritariamente por cada granxa, os investigadores identificaron cinco dietas típicas na zona norte:

- Dieta baseada no ensilado de herba (G1), cun 43% de ensilado de herba e 33% de concentrados de media.

- Dieta baseda no ensilado de millo (G2), cun 34,2% de ensilado de millo e un 41,3% de concentrados.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

- Dieta con importancia semellante de ensilados de herba e de millo (G3), cunha media de consumo dun 30% de ensilado de herba, un 25,1% de ensilado de millo e un 33,9% de concentrado.

- Dieta baseada na herba verde (G4), cun 43,3% de herba verde e un 25,1% de concentrados.

- Dieta baseada en forraxes secos (G5), cun 43,6% de forraxes secos e un 28% de concentrados.

As dietas baseadas no ensilado de millo ou conxuntamente no ensilado de millo e de herba son as máis importantes. Na zona norte de España, representan un 53% da superficie agraria útil e un 68% da produción de leite.

[caption id="attachment_50314" align="aligncenter" width="660"] Produción de leite, superficie agraria e carga gandeira medias en cada tipo de dieta.[/caption]

Contexto
O estudo sobre as explotacións lácteas do Norte de España elaborouse a partir de 461 enquisas, con máis de 100 preguntas, a granxas de diversos estratos de produción de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra. O traballo, coordinado polo Instituto Nacional de Investigación Agraria (Inia), contou coa participación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada