Noticias de empresa

Caixa Rural Galega obtivo en 2020 un beneficio de 5,75 millóns de euros

A cooperativa de crédito presidida por Manuel Varela encadea 7 anos consecutivos con incremento de resultados, cuns activos de 1.400 millóns de euros

Campo Galego 06/07/2021 9:16 a.m.

[caption id="attachment_147328" align="aligncenter" width="660"] Imaxe da Asemblea Xeral de Caixa Rural celebrada o sábado en Lugo[/caption]

Caixa Rural Galega celebrou a súa Asemblea Xeral anual o pasado sábado, 3 de xullo, coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Chantada, Ribadeo, Santiago de Compostela e Lugo marcadas, ao igual que no ano 2020, polas medidas de protección contra a covid-19.

O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2020, das que destaca un beneficio neto que acadou os 5,75 millóns de euros, cifra que supera lixeiramente a do ano 2019 e que supón sete anos consecutivos con incremento de resultados tras a pasada crise financeira.

A taxa de morosidade descendeu o ano pasado até o 3,51% malia ás incertezas provocadas pola pandemia

As contas recollen uns activos que acadan case os mil cincocentos millóns de euros e que supoñen un crecemento do 23% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes supoñen case mil dous centos oitenta millóns de euros e a inversión crediticia acada os seiscentos noventa millóns de euros, o que supón para ambas partidas crecementos do 18% e do 24% respectivamente. A entidade pechou o exercicio cunha ratio de morosidade do 3,51% continuando a súa tendencia á baixa, en clara recuperación tras os anos máis difíciles da recente crise, e pese ás incertezas provocadas pola pandemia e o intenso retroceso do PIB no ano 2020. A ratio de solvencia acada o 14,29% cumprindo, como en anos anteriores, os requirimentos do regulador.

Ángel Ramil, novo vicepresidente

Tamén estaba na orde do día a elección de Vicepresidente pola baixa do anterior, Venancio Rocha, que deixou o Consello Reitor de xeito voluntario tras máis de trinta anos de presenza no mesmo. Sempre vinculado ao mundo agrario e rural, Venancio Rocha ostentou cargos tan destacados como a presidencia da Cooperativa Os Irmandiños, a da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), ou a vicepresidencia do Consello Galego de Cooperativas, entre outros. Resultou elixido para o cargo Ángel Ramil Castelo, membro do Consello Reitor desde o ano 2002 e actual Secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa.

O Presidente, Manuel Varela, cualificou o exercicio 2020 como exitoso, acadando niveis de crecemento nunca antes vistos na entidade, pese ás dificultades da pandemia con retrocesos históricos do PIB e á persistencia de tipos negativos que dificultan a rendibilidade da actividade e cando aínda non se cicatrizaron as feridas da anterior crise.

Modelo de banca cooperativa

Con todo, manifestou a súa confianza en que a segunda metade de 2021 sexa a da volta á normalidade e que se poida deixar atrás o pesadelo da pandemia. O Presidente aproveitou, ademais, para agradecer expresamente o esforzo de todos os profesionais que forman o equipo humano de Caixa Rural Galega, tras un ano de enormes dificultades.

Caixa Rural aposta por un equilibrio entre a dixitalización e a atención persoal na rede de oficinas

Así, a entidade afronta o futuro con optimismo por canto os niveis de crecemento veñen a corroborar que o modelo de banca cooperativa que esta propón, apoiándose nun equilibrio entre a dixitalización e a atención persoal da súa rede de oficinas, segue a ser unha proposta ben acollida entre os galegos e galegas. 

Etiquetado
Ir a la portada