Noticias de empresa

Caixa Rural Galega mellora as condicións de financiamento respaldada por Afigal

A entidade galega renova o acordo coa sociedade de garantía recíproca de A Coruña e Lugo, o que aumenta as oportunidades de crédito para pemes, emprendedores e autónomos

Campo Galego 14/02/2020 10:53 a.m.

Caixa Rural Galega e a Sociedade de Garantía Recíproca Afigal, que opera nas provincias de A Coruña e Lugo, acaban de renovar e mellorar as condicións da liña de financiamento que teñen dispoñibles para os máis de 11.200 socios de Afigal.

Trátase dunha liña de financiamento que ambas entidades teñen vixente dende o 2002 a través da cal as pymes e os autónomos avalados por Afigal poden formalizar operacións de financiamento de capital circulante como préstamos, inversións ou reestruturación de pasivos. Tamén se inclúen préstamos para a adquisición ou reforma de inmobles.

O acordo estipula que o tipo de interese das operacións acollidas ó convenio establécese nun diferencial do 1,75% respecto do Euribor de referencia. Ambas entidades reivindican con este convenio a súa contribución ó crecemento do tecido industrial e empresarial, ó facilitar o acceso a crédito.

A sinatura do acordo de colaboración levouse a cabo en Lugo e nela participaron o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López; o director xeral da entidade bancaria, Jesús Méndez Álvarez-Cedrón; así como o presidente de Afigal, Antonio Couceiro; e o director xeral de Afigal, Manuel Alonso.

Etiquetado
Ir a la portada