Foi na feira Semana Verde onde Camilo Mato veu por vez primeira as cabras autóctonas galegas, gustáronlle e xa comezou a darlle voltas á idea de mercar un par delas. Coñecidas pola súa capacidade para manter a raia a vexetación, Camilo veu nas cabras unha oportunidade para limpar unhas fincas familiares que cada ano tiñan que desbrozar mecanicamente.
“Tódolos anos un sobriño se encargaba dese traballo, pero comezamos a valorar que coas cabras podíamos tela finca limpa todo o ano sen ter que desbrozala”, comenta. Optaron entón por mercar un par de cabras e un macho. Diso hai xa 8 anos e hoxe Camilo e a súa muller, María Teresa Fernández, teñen unha pequena gandería de cabras autóctonas.
Comezaron con dúas cabras e un castrón logo de ver exemplares de raza autóctona galega na Semana Verde
É unha actividade a tempo parcial que combinan coas súas respectivas profesións. Camilo recoñece que as cabras son o seu pasatempo e que gusta de telas ben e de que “os animais vivan felices e a gusto”, comenta.
A escasos metros do polígono do Tambre (Santiago), nunha parcela urbana de preto de 1,5 hectáreas viven as cabras de Cabrizanca. Contan cunhas 10 nais reprodutoras e adoitan criar uns 25 cabritos ó ano. “Son cabritos 100% galegos criados de xeito natural”, comenta Camilo.
Ó longo destes anos como gandeiro, Camilo foi afondando nos coñecementos sobre a raza, a crianza e as particularidades dos seus animais tanto da man doutros criadores como da Federación de Razas Autóctonas (Boaga), da que son socios, e coa súa propia experiencia.
Crianza das cabras
Camilo tiña claro dende un principio que quería unha raza autóctona e a experiencia non fixo máis ca que se reafirmase na súa elección. “É un animal rústico, que se adapta moi ben, non ten case enfermidades e mesmo cando as destetas tampouco tes maiores complicacións”, comenta.
Así, recoñece que á marxe do manexo diario, a penas ten que desparasitar un par de veces ó ano os animais e encargarse de arranxarlle as uñas. “O estar en pradeira non chegan a desgastar os cascos como se estiveran en zonas de pedras e temos que recortarllas”, indica.
Evita cubrir as femias ata que teñen polo menos 10 meses para que logren a condición corporal axeitada para ser nais
Aínda que poida chegar a conseguirse máis dun parto ó ano, Camilo non é partidario diso. Opta por restrinxir o tempo que pasa o castrón co rabaño para evitalo. Ademais, respectan o tempo de celo natural, que comeza nos meses de verán, de xeito que as cabras rematan parindo entre os meses de febreiro e abril.
Adoitan contar con dous cabritos por nai, aínda que ten algunha nai que acostuma a traer 3 ou 4 cabritos. “Iso obríganos a crialos a biberón para garantir que saian adiante e para que non acaben coa nai”, comenta.
A gandería evita cubrir as femias ata que acadan os 10 meses ou o ano para que logren unha condición corporal ideal para ser nais e non se resintan. “Recomendan que ata que a cabra acada as tres cuartas partes do seu peso de adulta, que adoita andar nos 50 quilos, é mellor non cubrilas e eu creo que é acertado esperarlle”, detalla.
Tamén renova periodicamente o macho para evitar problemas de consanguinidade. Agora conta cun pequeno macho, chegado dende Monterroso, que se estreará esta mesma tempada, aínda que estima que se retrasará ata outubro. Este é o cuarto macho que ten na gandería.
Alimentación e manexo
Teñen as cabras en semiextensivo e elas deciden o tempo que pasan dentro do cortello ou no pasto. Camilo e María Teresa repártense e van dúas veces ó día, á mañá e á noite revisar o rabaño e darlle de comer.
Ademais do pasto do que dispoñen, a dieta compleméntase a base de herba seca e cereal. Ó ano precisa arredor dun cento de alpacas de herba seca para alimentar ó gando. Xunto coa herba, tamén lle aporta cebada e millo. “Non son moi partidario dos pensos, non confío moito neles e prefiro darlle a cebada en gran directamente. O millo doullo en flocos porque lle resulta máis dixestivo”, explica o gandeiro.
Merca o cereal nunha comercial que o trae directamente de Castela e adapta a dieta en función da dispoñibilidade de pasto que teñan. “Comen o que vai dando a terra e complementámosllo co cereal”, explica. A maiores, tenlles á súa libre disposición un cubo de minerais esenciais como calcio, fósforo, cobalto, magnesio, cinc, etc. para que cando elas queiran vaian lambelos.
Tampouco realizan un abonado da pradeira, que se mantén co abono das cabras. “Non estamos en ecolóxico pero polo manexo e alimentación que temos poderíamos estar xa dentro deste tipo de produción”, recoñece.
“Queremos que o animal estea comendo o máis natural posible todo o tempo e que estea ó aire libre cando queira”, sinala Camilo. Recoñece que son animais que non gustan de estar a choiva, a diferenza doutros que prefiren seguir pacendo.
“Cando chove prefiren estar dentro todo o tempo. Aínda que pareza un animal moi duro son bastante delicados, tanto á hora de ter unha alimentación equilibrada como coas pulmonías”, comenta. De feito, unha das poucas baixas que tivo nestes anos foi a dun macho que morreu dunha pulmonía en poucos días.
Gardan o rabaño cun cercado con malla gandeira dun metro de alto coroada cun fío de pastor eléctrico para evitar que salten o cerrado e que se suban a el. “Precisan deste tipo de valados senón están sempre escapando”, explica.
A maiores téñenlle un pastor eléctrico exterior para evitar a incursión doutro tipo de fauna. “Témosllo, sobre todo, para evitar que entren cans, xa que nesta zona, tan próxima ás casas, agardamos que non veña o lobo”, indica.
Cabritos para carne e para a vida
Cabrizanca está especializada na venta de cabritos e comercializan tanto os cabritos, destinados ó consumo, como as femias, que adoitan ser para a vida. “Hai moita demanda desta raza de cabras”, apunta.
Á marxe das femias que vai criando para renovar o rabaño, comercializa o resto de cabras para outras ganderías. Este mesmo mes aínda vendeu 3 para un gandeiro mozo que está comezando cunha gandería de cabras.
As cabras desta raza poden acadar un prezo de 200 euros
O prezo das cabras de raza autóctona galega adoita situarse arredor dos 170 ou 200 euros por exemplares sen preñar e de menos de 2 anos, cando o prezo doutras razas de cabras ronda os 60 euros.
En canto ós cabritos, véndeos con 3 ou 4 meses, cando acadan un peso de entre 7 e 9 quilos. “Hai xente que os quere con máis tempo ou mesmo menos dun mes, pero nos preferimos vendelos así”, detalla.
O movemento Sloow Food Compostela
Dende hai 2 anos toda a produción da súa gandería mércalla o restaurante Next Door, de A Coruña, dirixido polo cociñeiro Pablo Viñas. Foi tamén a través del que coñeceron o movemento Sloow Food Compostela.
Dende hai un ano, Cabrizanca forma parte do movemento Sloow Food Compostela
Trátase dunha asociación ecogastronómica que reivindica unha produción de alimentos respectando os tempos naturais da crianza e cultivo, asentados no natural e cun sentido da responsabilidade que apela a “ter en conta o ecosistema, a defensa da biodiversidade e o compromiso ético cos produtores”, como reivindican dende o colectivo.
Cabrizanca leva un ano formando parte desta iniciativa e reivindica a importancia deste tipo de propostas, que visibilicen e aposten por unha produción e alimentación natural.