Forestal

Buscan apoios para desenvolver 13 microproxectos no monte comunal do Viso

A comunidade de montes do Viso, en Redondela, lanza unha campaña para desenvolver iniciativas de recuperación ambiental, patrimonial e social

Campo Galego 29/10/2019 9:50 a.m.

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso, en Redondela, inicia unha campaña de busca de apoios para desenvolver 13 microproxectos de recuperación ambiental, patrimonial e social nos seus montes. Algúns destes proxectos comezaron xa a tomar forma logo dos incendios acontecidos no 2006 e 2016 que afectaron aos montes desta zona. De feito, xa realizaron repoboacións con especies autóctonas que conforman unha faixa de protección e recuperaron espazos para mellorar a biodiversidade da zona.

Agora, a comunidade de montes ideou unha batería de proxectos, algúns xa en marcha, e procuran apoios privados, tanto de particulares como de empresas e públicos, de cara a acometer as actuacións propostas. Estes 13 proxectos afectan a un área de case 30 hectáreas e o orzamento ascende a máis de 165.500 euros.

A comunidade resalta que os proxectos favorecen á reserva de auga nos montes da comarca, minimizan a erosión do solo e o desprazamento de sedimentos ás rías e contribúen á fixación de carbono, coa creación de novas masas arboradas en zonas que arderon ou que estaban a mato.

Aquelas persoas e entidades interesadas en colaborar na aportación de fondos para desenvolver os microproxectos poden conctactar coa comunidade de montes no correo electrónico montesdoviso (arroba) gmail.com.

A continuación detallamos os 13 microproxectos:

-Fraga da Lomba. No barrio de Tuimil, restauraron unha área de 0,54 hectáreas entre vivendas, que noutros tempos fora un vertedoiro, saneándoa e repoboándoa con especies autóctonas. Agora precisan controlar a biomasa realizando brozas no 2020 e no 2022 así como podas en frondosas. O custo do proxecto ascende a 2.604,69 euros.

-Valorización patrimonial da Peneda. Esta zona ten un importante valor patrimonial e xa realizaron plantacións de frondosas caducifolias e mantemento dos piñeirais. Prevén tarefas de roza da biomasa, eliminación dos eucaliptos na ladeira sur, repoboacións con sobreiras, podas e a demolición e adaptación dun palco de formigón, entre outras actuacións que ascenden a 47.915,46 euros.

-Camiño de Santiago por Soutoxuste. O camiño atravesa a parroquia do Viso nunha zona con masas de piñeiro e eucalipto intercaladas con frondosas. Buscan substituír os eucaliptos e piñeiros por frondosas e realizar podas e rozas nun total de 1,90 hectáreas por un valor de 12.398,65 euros.

[caption id="attachment_102452" align="aligncenter" width="660"] Proxecto de restauración no Camiño de Santiago.[/caption]

-Franxa verde do Escredo. Pretenden crear unha franxa de protección directa sobre o lugar de Escredo. Xa realizaron o control do rebrote do eucalipto e acacias e agora buscan repoboar con frondosas. Unha actuación que estiman en 2.746,63 euros.

-Souto da Chan da Roda. Creación dunha franxa verde coa plantación de castiñeiros micorrizados para froito en 0,95 hectáreas. Xa plantaron as árbores e agora prevén tarefas de control de rebrote de eucalipto, reposicións, podas e rozas por valor de 2.324,08 euros.

-Fraga do Espiño. Este espazo serve de protección fronte a montes lindeiros de Ventosela e de Moreira e xa realizaron plantacións de diversas frondosas autóctonas. Agora pretenden realizar reposicións, rozas periódicas, podas e facer novas repoboacións, o que estiman en 16.548,64 euros.

[caption id="attachment_102455" align="aligncenter" width="660"] Traballos na fraga do Espiño.[/caption]

-Miradoiro do Outeiro Grande. Ademais de miradoiro, é lugar de diferentes eventos, polo que pretenden aumentar a superficie de frondosas, instalar mesas e bancos e configurar unha área recreativa. Estiman que a actuación se faga por 17.825,06 euros.

-Franxa verde da Nogueira. Creación dunha área de defensa sobre a zona habitada de Chan da Nogueira. Xa realizaron labores de repoboación con frondosas e queren realizar reposicións e rozas da biomasa. Estiman que o custo dos traballos sexa de 1.655,28 euros.

-Rede Natura no Puntal. É un espazo degradado dende o punto de vista ambiental e da biodiversidade e xa fixeron restauracións do entorno con rozas e eliminación de acacias. Agora pretenden continuar coas rozas e controlar o rebrote das acacias. Calculan unha inversión de 5.947,59 euros.

[caption id="attachment_102440" align="aligncenter" width="660"] Actuación de acondicionamento dentro da Rede Natura no Puntal.[/caption]

-Fraga de Rabuñade 1. Neste espazo no barrio de Tuimil eliminaron e sanearon un antigo vertedoiro repoboando con frondosas. Agora queren seguir a manter desbrozada a zona, controlando o rebrote de acacias e realizando reposicións e podas, polo que estiman que precisarán 6.645,76 euros.

-Fraga de Rabuñade 2. Realizaron unha repoboación nunha antiga zona rasa con matogueira e precisan realizar podas, reposicións e rozas, para o que calculan uns 1.861,73 euros.

-Augas do Viso. Intervención no entorno das captacións de auga para manter o mato controlado e substituír especies produtoras como o piñeiro e o eucalipto por frondosas que axuden a mellorar a recarga dos acuíferos. Prevén realizar rozas, control de especies, repoboacións e podas por valor de 10,857 euros.

-Rede verde lineal. Creación dunha área devasa ao longo de 1,2 quilómetros da pista principal do monte Espiño e dos 1,6 quilómetros da estrada de Outeiro Grande cunha franxa de frondosas. Unha actuación que estiman en 36.218 euros.

Etiquetado
Ir a la portada