Os prezos dos produtos lácteos industriais manteñen a tendencia á alza das últimas semanas. En Europa, o leite en po sitúase en 236 euros / 100 Kg., tras unha suba do 2,3% nun mes, en tanto a manteiga cotiza a 355 euros / 100 Kg. (+2% nun mes), que é un valor historicamente alto se se atende á serie dos últimos 15 anos, máis alá dos récords acadados no 2018 e 2019.
Fóra de Europa, as cotizacións do Global Dairy Trade (GDT), a principal subasta internacional de lácteos, operada pola neozelandesa Fonterra, tamén van na boa dirección. O índice de prezos do GDT acadou na última poxa o seu maior valor desde maio do 2014, 1.170 puntos, cunha suba do 3%, o que é indicativo do bo momento de mercado.
[caption id="attachment_137230" align="aligncenter" width="660"]
En Galicia, esperábase que as boas perspectivas do mercado de produtos lácteos industriais tivesen repercusión nos contratos de leite da nova campaña, pero polo de agora as ofertas que se coñecen manteñen a liña de prezos do exercicio anterior.
O bo comportamento dos prezos internacionais benefíciase do aumento das compras que está realizando China, que no 2020 mercou un 35% máis de manteiga, un 13% máis de queixo e un 38% máis de soro, reducindo só a gama de leite en po (-2% o leite desnatado en po).
Tal escenario permitiu que as granxas europeas aumentasen as súas entregas nun 1,7% de media no 2020 sen que houbese dificultades para colocar o produto. As factorías do continente produciron no último ano un 2,8% máis de manteiga, un 1,6% máis de queixo e un 3,3% máis de leite líquido, unha gama de produto que se viu beneficiada polos confinamentos, o que propiciou o aumento do seu consumo doméstico. O leite en po desnatado medrou tamén un 3,4 % e no lado contrario, descenderon categorías como a nata (-1%) e o leite condensado.