Leite

Ben Andersen, un gandeiro exitoso de EEUU que se pasou aos cruzamentos

Seagull Bay é unha das máis afamadas granxas americanas en xenética holstein, que exporta a todo o mundo, pero Ben decidiu poñer a funcionar á marxe da explotación familiar un novo proxecto con 1.800 vacas Procross, valorando a súa maior lonxevidade, eficiencia reprodutiva e rendibilidade

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 06/11/2019 1:59 p.m.

[caption id="attachment_102948" align="aligncenter" width="660"] A explotación Andersen Dairy, situada en Declo, no estado de Idaho[/caption]

Alan Andersen e a súa muller Norma comezaron a producir leite en 1980 cun cento de vacas frisonas, algunhas mercadas a Lyle, o pai de Alan. Case catro décadas despois a súa granxa, Seagull Bay Dairy, é unha das referencias en xenética holstein nos Estados Unidos.

[caption id="attachment_103089" align="alignright" width="300"] Vacas procross en produción na granxa de Ben Andersen en Declo[/caption]

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Pero cando Greg e Ben Andersen, dous dos fillos de Alan e Norma, se incorporaron á gandería, decidiron facer cambios buscando un gando máis eficiente e diferenciado, tanto para producir leite como para producir xenética. "A xenómica vai moi rápida hoxe en día, hai moita especialización, fai anos un gandeiro podía ser produtor de xenética e de leite ao mesmo tempo, cos mesmos animais, hoxe non é posible. Hai que especializarse e unha vaca ou é produtora de xenética ou é produtora de leite, as dúas cousas xuntas non son posibles", argumenta Ben.

E para producir leite optou por non seguir coas súas vacas frisonas de élite, senón que apostou por cruzar os seus mellores animais holstein con outras razas como a roja sueca ou a montbeliarde. Hoxe Ben é un gandeiro exitoso de EEUU que está usando o sistema Procross de cruzamentos.

O seu pai comezou muxindo 100 vacas frisonas en 1980

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Cando Ben saíu da Universidade no 2002 e se incorporou á granxa familiar, producían unha media de 40 litros diarios por vaca pero "era todo volume, nada de sólidos", recoñece. A taxa de reposición era superior ao 40% e a fertilidade rondaba só o 25%. "Non tiñamos novillas suficientes e tiñamos que mercar", lembra.

No 2003 mercaron unhas frisonas cruzadas con jersey e o seu pai e o seu irmán foron a California a ver cruces con montbeliarde e comezaron a cruzar as súas vacas holstein puras. "Cando vimos que o montbeliard funcionaba ben decidimos parar cos cruces de jersey, porque tiñan máis células somáticas, maior diferenza de tamaño e menos valor dos machos á hora de vendelos", explica.

Dous establos diferenciados, un para producir leite e outro para producir xenética

Loading ad.
Ad could not be loaded.

[caption id="attachment_102939" align="alignright" width="300"] Shauna, mellor vaca 2015 nos EEUU[/caption]

No 2005 deciden crear dúas granxas diferenciadas, unha para seguir producindo xenética coas súas vacas holstein puras e outra para producir leite cos cruces de frisona con montbeliarde. É así como nace Andersen Dairy en Declo, a 50 quilómetros de distancia do lugar onde se atopa a explotación orixinaria.

O pai de Ben, Alan, e o seu irmán Greg, son os que seguen xestionando hoxe Seagull Bay, centrada na produción de xenética holstein. Contan na actualidade con 650 vacas, todas enfocadas cara á selección xenética. O seu interese en seguir coa liña holstein pura vai enfocado exclusivamente a vender xenética a outras granxas a través da empresa Winstar Genetics, da que son socios, e que implanta cada mes 450 embrións.

O rabaño holstein está enfocado exclusivamente á produción de xenética para vender a outras granxas

É un negocio que tamén dá beneficios. Unha vaca desta gandería, Shauna, foi galardoada como vaca do ano 2015 e é nai de touros moi famosos, como Shupersire ou Silver. Shauna ten agora 11 anos e está a pastoreo pero segue a ser un dos emblemas de Seagull Bay. Na actualidade dous dos mellores touros de Winstar Genetics, a empresa de xenética da familia Andersen, son Duluth e Meridian.

1.800 vacas procross producindo leite

[caption id="attachment_103092" align="alignright" width="300"] Ben conta con 2.900 cabezas procross entre vacas en produción e recría[/caption]

Do outro establo, o adicado á produción de leite, encárgase Ben. "O meu pai e o meu irmán producen xenética hosltein e eu estou centrado na produción de leite, con 1.800 vacas e 1.100 xovencas", explica.

No 2008 en Andersen Diary estaban xa ao 100% de vacas cruzadas. No 2011 lograran xa invertir a falta de reemprazo da granxa e comezaron a poñer seme de carne ao sobrarlles recría.

Pero máis gandeiros nos EEUU decidiron seguir os pasos de Ben e pedíanlle xovencas, así que decidiu non poñer máis touros de carne e inseminar con cruces sucesivos de holstein, montbeliarde e roja sueca a todas as vacas para comezar a vender o excedente de xatas preñadas procross da granxa.

Mandou por exemplo dous camións para Míchigan no 2013, un estado que se atopa a máis de 2.000 quilómetros de distancia, a outra explotación que está tamén xa ao 100% en procross. Hoxe, 6 anos despois, hai aínda 8 desas 84 vacas procendentes de Idaho, producindo leite na granxa de Míchigan. "En EEUU hai máis demanda de xovencas procross que animais hai a día de hoxe no mercado", conta.

Ben defende os beneficios destes animais trihibridos para a produción de leite. "Fai 15 anos pensaba que ía sacrificar producción para gañar saúde e benestar animal, pero 15 anos despois non perdín producción, porque teño a mesma produción de sólidos leiteiros, e gañei en sanidade e fertilidade. A suma de todos eses factores xuntos afecta de xeito moi positivo á rendibilidade da miña explotación", afirma. De feito, o lema de Andersen Dairy é Efficient production from a healthy herd  (Produción eficiente dun rabaño san).

Maior lonxevidade e menor mortinatalidade

A mellora no eido da saúde das súas vacas foi considerable coa introdución dos cruzamentos, di. "A reposición estaba no 40% e agora estamos no 28% e queremos seguir baixando até o 25%", conta. Problemas como os desprazamentos de abomaso desapareceron, cando fai 15 anos afectaban ao 3,5% das vacas da granxa.

Pero ademais de incrementar a lonxevidade das súas vacas, Ben mellorou tamén moito en fertilidade. "O incremento na taxa de preñez foi espectacular, pasamos do 12-16% até o 40% actual, grazas tamén a introducir programas de sincronización", engade.

Fai 3 anos comezou a compararse cun grupo de gandeiros con granxas de 1.000 até 15.000 vacas, que comezaron a intercambiar datos entre eles. "Vin que tiñan programas de sincronización de reprodución e en só dous anos logrei subir un 15% a taxa de preñez", explica.

Coa introdución do sistema Procross de cruzamentos reduciron a taxa de reemprazo do 40% ao 28%

A introdución no 2016 deste programa de sincronización previa na granxa mellorou de xeito notable a taxa de preñez nos dous rabaños, pero a tasa de fertilidade é un 10% máis baixa nas frisonas puras. Ademais, Ben teme que o uso de protocolos de sincronización poida chegar a prohibirse nalgún momento nos EEUU, polo que os animais cruzados aportan maior seguridade neste aspecto esencial para a rendibilidade dunha explotación.

Na granxa de Ben, con 230 días de lactación están preñadas o 95% das vacas. Nas xovencas fan tres intentos con seme sexado antes de optar por un touro cárnico, mentres que o 75% das vacas adultas son inseminadas directamente con seme de carne.

A morte de becerras neonatas reduciuse a menos da metade

"Busco nas tres razas na selección dos touros en primeiro lugar producción e logo lonxevidade", conta Ben. Di que as vacas resultantes do seu programa de cruzamentos son máis funcionais e resistentes. "Os ubres das procross son máis funcionais, non é necesario sacrificar producción para obter bos ubres", argumenta. E aporta un dato: "só o 1,9% das vacas deixa o establo con menos de 60 días en leite", conta.

Outro dos aspectos nos que se notou o vigor híbrido foi na recría. "Ao cruzar a vitalidade das tenreiras é impresionante, pasamos dun 10% de mortinatalidade ao 3,6% actual". Introduciron tamén melloras no manexo dos neonatos, con vixiancia de partos as 24 horas, pero a facilidade de parto que aportan os cruzamentos reduce a necesidade de asistencia, asegura Ben.

Menos inxesta de materia seca

[caption id="attachment_102951" align="alignright" width="300"] Dispoñen de 324 hectáreas de terreo, onde producen varias colleitas de alfalfa na primavera e no verán[/caption]

Idaho está na parte oeste de EEUU, é unha zona moi fría en inverno, con moita neve, pero con varias producións de alfalfa na primavera e no verán. Contan con 324 hectáreas de terreo en propiedade pero aínda así teñen que mercar o 80% dos insumos alimenticios da explotación. "Compramos a maior parte do alimento. O sistema funcionounos ben durante anos, mercando produtos como millo ou soia noutros estados do oeste dos EEUU, pero estamos preocupados pola volatilidade dos mercados de materias primas", recoñece.

Ben estudou o comportamento alimenticio das súas vacas cruzadas en relación ao rabaño holstein puro e logrou datos reveladores: "dous kilos menos de inxesta de materia seca nas procross a respecto das holstein, 23,7 quilos fronte a 25,7", resume.

Non é un tema menor se temos en conta que en Andersen Dairy xogan con marxes moi pequenas sobre o prezo de venda do leite a respecto dos custos de produción. Páganlle o leite a 0,15 dólares a libra de leite (1 libra equivale a 0,45 kilos). Ao cambio resultaría un prezo base duns 29 céntimos de euro o litro.

[caption id="attachment_102945" align="alignright" width="300"] Vista aérea de Andersen Dairy en Idaho[/caption]

"O custo de produción que temos é similar ao prezo base de venda do leite, polo que neste momento o que estariamos gañando son uns 2 céntimos por litro correspondentes co valor da graxa e a proteína", explica Ben. No mes de xuño deste ano, cunha media de 38,5 quilos de leite por vaca e día, o nivel de graxa era do 4,1% e o de proteína de 3,2% nesta granxa dos Estados Unidos.

Moxen as 1.800 vacas que teñen en produción nunha sala rotativa que leva funcionando desde fai dous anos e medio e o límite para os descartes está situado nos 25 litros. "Cando unha vaca baixa dos 25 litros ao día mándoa ao matadoiro", indica.

"Orgulloso" de ser gandeiro

[caption id="attachment_102936" align="alignright" width="300"] Ben Andersen coa súa muller Robbie e os seus fillos[/caption]

Ben acudiu este verán a un encontro con gandeiros de toda Europa celebrado en Holanda, ao que tamén acudiron gandeiros galegos, para contar a súa experiencia e o seu xeito de traballar. "Para min é fantástico ser gandeiro, estou orgulloso", asegurou. E responsabilizou dunha parte importante da súa felicidade ao feito de terse decidido polos cruzamentos fai xa 15 anos.

"Para o meu irmán e o meu pai o problema da consanguinidade é un drama na súa granxa. Nas miñas procross non me preocupa, para min non é un problema. Cando facemos mellora xenética queremos os mellores animais e seleccionamos os mellores xens, pero ao estalos multiplicando con iso multiplicamos tamén os problemas de consanguinidade", di.

"Para o meu irmán e o meu pai o problema da consanguinidade é un drama na súa granxa holstein, a min non me preocupa, nas miñas procross non é un problema"

"Nós temos menos vacas abertas, menos tenreiros e vacas mortas e iso é menos estrés para un gandeiro", engade. "Así teño máis tempo para atender á miña familia", afirma sorrindo mentres ensina unha foto xunto á súa muller e os seus 9 fillos. "Teño boa fertilidade na miña gandería e tamén na miña familia", bromea. "A miña familia está encantada co que facemos porque temos máis calidade de vida, esa é a diferenza", conclúe.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada