Apicultura

Baleira acolle esta fin de semana a II Feira do Mel da montaña lucense

O sábado haberá encontro de apicultores e charlas formativas sobre como combater as enfermidades das colmeas de xeito máis ecolóxico e eficaz e o domingo terán lugar distintos obradoiros e concursos para todas as idades

Campo Galego 05/11/2018 10:25 a.m.

O Cádavo acolle esta fin de semana a segunda edición da Feira do Mel, na que se darán cita produtores da montaña lucense cun completo programa de actividades tanto formativas como lúdicas destinadas a apicultores e ao público en xeral.

Organizada pola Asociación Montes e Vales Orientais, que xestiona o Programa Leader no ámbito do GDR 3, ao que pertencen 13 concellos da provincia de Lugo (A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e Pedrafita do Cebreiro), esta nova cita pretende ser un punto de encontro para os produtores destes concellos e un elemento máis de dinamización social para esta zona.

A xornada do sábado 10 está pensada como un encontro de apicultores e estará centrada na saúde das colmeas, con catro horas de formación a cargo de Alberto Uría Moreno, apicultor e docente experto en pragas e tratamentos ecolóxicos, que dará consellos para a mellora da sanidade apícola, non só como un elemento clave para unha produción rendible, senón como xeito de evitar a propagación de pragas e enfermidades por contaxio dunhas colmeas a outras.

O programa do sábado rematará cun magosto popular organizado polo Concello de Baleira a partir das sete e media da tarde con castañas, empanadas, roscón e viño e animación musical a cargo dun acordeonista. Será nunha carpa situada diante da casa do Concello, onde tamén terá lugar ao día seguinte a feira propiamente dita.

O domingo 11 os postos de venda abrirán as súas portas ás 10 da mañá. Acudirán produtores de toda a montaña e tamén de comunidades limítrofes como a asturiana. O pasado ano, na primeira edición da feira, acudiron co seu mel 28 apicultores. Nesta segunda edición agárdase menor afluencia dada a escasa produción deste ano en moitos lugares.

Ademais da venda de mel, durante toda a mañán haberá distintas actividades para todos os públicos, coma unha exposición didáctica, obradoiros de fabricación de trampas para velutinas ou de elaboracións con cera, pensados para os máis pequenos, e un concurso, Sabe coma o mel, de platos gastronómicos con este produto. Ás dúas da tarde será a entrega de premios aos gañadores e tamén dos premios de debuxo para a elaboración do cartel anunciador da edición deste ano, obra de Sofía Carrete García, do CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro.

[box style="0"]

Novos tratamentos que deixan menos residuos no mel

Alberto Uría fai fincapé en que é necesario "maior concienciación" tanto por parte dos apicultores profesionais como dos simples afeccionados que teñen colmeas para autoconsumo. "De nada serve que eu teña as miñas abellas moi controladas e libres de enfermidades se o veciño ten as súas sen atender. Unha colmea que morre infecta á do veciño e estamos tendo un problema moi grande de contaxios e reinfeccions", explica.

Por iso considera que "hai que dar claves para que todo o mundo aprenda a identificar as enfermidades da colmea e consellos prácticos para atallalas a tempo". Destaca a "prevención" e a "rápida identificación" como medida máis efectiva para loitar contra enfermidades como a varroa, o loque ou a micosis.

As enfermidades están avanzando e o seu control require un seguemento moito máis frecuente das colmeas, pero hai xente que aínda segue indo só tres veces ao ano a velas

"As enfermidades están avanzando pero moita xente coida as abellas como fixo toda a vida e iso xa non serve. Hai moita xente que ten as colmeas como simple afección e vai velas un día en Semana Santa, outro no verán para ver se teñen mel e e outro para sacalo en setembro. Así é como se facía tradicionalmente, pero iso acabouse, agora hai que estar pendentes das enfermidades e require que a xente vaia máis ás colmeas", argumenta.

Vantaxes dos produtos orgánicos fronte aos de síntese química

A segunda das claves nas que incidirá Alberto ten que ver con concienciar tamén aos apicultores na utilización de produtos máis naturais para o tratamento de enfermidades. "Moita xente segue usando tratamentos de síntese química para tratar enfermidades como a varroa e hai pouca conciencia sobre os residuos que moitos deses produtos deixan nas colmeas e no mel, cando hai novos tratamentos orgánicos, como o timol, o ácido axálico ou o ácido fórmico, que funcionan moi ben e son moito máis inocuos e deixan moitos menos residuos", explica.

"Os tratamentos de síntese química son cada vez menos efectivos e deixan moitos residuos no mel. Temos que camiñar todos cara unha forma máis lóxica e ecolóxica de controlar as abellas"

Nas charlas formativas que impartirá o sábado en Baleira, explicará por exemplo como tratar a varroa con ácido fórmico. "Temos que camiñar todos cara unha forma máis lóxica e ecolóxica de controlar as abellas. Os ensaios con ácido fórmico están funcionando moi ben, pero a xente non os coñece", asegura.

 Pero ademais de explicar aos apicultores o funcionamento destes novos tratamentos, máis efectivos e menos contaminantes que os convencionais pero que ao mesmo tempo requiren de máis aplicacións, Alberto incide na importancia do seguemento e a vixiancia tanto pretratamento coma postratamento. "Hai que comprobar que os tratamentos están funcionando. A xente ten que coñecer todas as armas que ten ao seu alcance. A tira non pode ser un acto de fé e non pode ser meterllas á colmea dúas veces ao ano por simple rutina", di.

[/box]

A velutina está comezando xa a asentarse na montaña

Alberto ten 160 colmeas repartidas entre o municipio asturiano de Ibias e o galego de Negueira de Muñiz e comercializa a súa produción baixo a marca Outurelos. Traballa ademais noutros proxectos de recuperación etnográfica e patrimonial, e dá cursos de apicultura ou de horta ecolóxica.

A presenza da vespa asiática afecta xa a colmeas e viñedos na zona da montaña

E afirma que "a presenza da vespa velutina está comezando a ser un problema tamén na montaña". A dureza do inverno ralentiza a súa propagación e axuda ao seu control pero Alberto asegura que "temos que tomar conciencia de que é un problema real que nos afecta a todos, non só aos apicultores, porque nesta zona tamén hai viñedos", recalca.

Por iso, o domingo pola mañá explicará como facer trampas caseiras coas que facer trampeos en primavera para capturar raiñas e en varán para reducir a carga de velutinas en zonas de alta afectación. "Na montaña está arrincando a praga, é o momento de loitar contra ela para tela controlada", conclúe.

[/box]

PROGRAMA COMPLETO DA II FEIRA DO MEL DE BALEIRA:

Etiquetado
Ir a la portada