Leite

Baixo Holstein, a gandería coa mellor cualificación xenética de Galicia

Visitamos a gandería Baixo Holstein, de Sarria (Lugo), distinguida por Fefriga como a Mellor Explotación de Galicia por cualificación 2015. Conta tamén coa mellor xovenca de España, segundo as probas de Conafe do pasado novembro

Loading ad.
Ad could not be loaded.
David Glez. Eirexas 06/06/2016 6:15 p.m.

Á gandería Baixo Holstein, ubicada no lugar de Hermida, no concello lucense de Sarria, acumúlanselle os premios nos últimos meses pola súa alta xenética. A súa xovenca, Baixo Castro Sargeant Silly foi elixida como a mellor de España na avaliación de Conafe do pasado mes de novembro, cun GICO, de 4.332 puntos. E máis recentemente foi distinguida por Fefriga como a Mellor explotación de Galicia por ICO na categoría de 17 a 75 reprodutoras, con 2.418 puntos, e tamén logrou un ano máis a distinción á Mellor Explotación de Galicia por cualificación 2015, cunha cualificación de 88,12 puntos, todo un récord a nivel estatal.

Para Antonio Rodríguez, propietario desta gandería xunto coa súa muller Gloria e o seu fillo Yago, estes galardóns “supoñen para nós un orgullo e unha satisfacción que recompensan o traballo ben feito, non só este ano, senón durante moito tempo”.

E é que a historia de Baixo Holstein, como tantas outras ganderías de Galicia, é de esforzo e superación. “A nosa -explica Antonio- é unha explotación familiar que se remonta xa aos meus pais e aos meus avós, e na que hai 25 anos eu e a miña muller nos puxemos ao fronte, e partindo dunhas poucas vacas fomos crecendo pouco a pouco e apostando sempre pola mellora xenética”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A día de hoxe esta gandería conta cun total de 130 cabezas de gando e unha base territorial de 45 hectáreas, entre fincas propias e alugadas, nas que cultivan herba e millo forraxeiro. Logran unha produción de arredor de 12.000 kilos de leite por vaca e ano, cunhas calidades de 4.38% graxa e 3.28% proteína, e menos de 10 bacterias e de 100 células somáticas. A ración componse de 22 kg de silo de millo, 12 de herba, 12 de concentrado e 1kg de palla.

A venda de xenética: unha importante fonte de ingresos

Para Antonio Rodríguez a mellora xenética, realizada en gran medida a través de programas de Xenética Fontao, foi clave para lograr estes bos índices. “Sempre tivemos claras as vantaxes de mellorar xenéticamente o noso rabaño: os animais duran máis, producen máis leite e durante máis partos, e teñen mellor conformación de ubres, patas estrutura”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ademais, a venda de xenética está a ser unha vía complementaria de ingresos para Baixo Holstein. Así, e grazas a un acordo de colaboración, os becerros de vacas con altos índices xenéticos son enviados a Xenética Fontao. “Os investimentos que fixemos en mellora xenética dende hai máis de vinte anos deron os seus froitos e a día de hoxe a venda de xenética é un ingreso moi importante para a nosa explotación, tanto a través da venda de xovencas, como de embrións e de machos para centros de inseminación”, destaca Antonio.

En concreto, esta gandería vende ao ano unha media de 15 xovencas, tanto para Galicia e España como para o estranxeiro, e sobre 70 embrións das súas mellores vacas, así como un número variable de becerros machos, en función dos seus índices xenómicos.

Importancia do manexo e das calidades das forraxes propias

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Pero unha boa xenética do gando nunca se expresará plenamente sen un óptimo manexo. Conscientes disto, en Baixo Holstein coidan especialmente a calidade das forraxes propias. realizando cortas máis pequenas pero con moi boas calidades. Tamén prestan especial atención aos protocolos de hixiene no muxido e á limpeza dos cubículos. Tamén fan unha boa cama de palla picada para o gando, que se renova todos os días. E para reducir o estrés por calor, contan cun sistema de ventiladores para mellorar o benestar das vacas.

En canto ao futuro, e nun escenario de baixos prezos, Antonio Rodríguez asegura que a súa estratexia pasa por “intentar facer todo o mellor posible para non ter baixas e un bon manexo para non ter incidencias”. Considera tamén que “as explotacións non deberían incrementar a produción, para reducir a oferta e que suban os prezos, e, como non, temos que intentar producir todo o forraxe posible, coidando a calidade, para depender o menos posible de comprar materia prima de fóra e así poder reducir os custos de alimentación”.

[Best_Wordpress_Gallery id="119" gal_title="Baixo Holstein"]

Baixo Castro Sargeant Silly: mellor xovenca de España

Baixo Holstein logrou que unha das súas xovencas, Baixo Castro Sargeant Silly, fose recoñecida como a número un de España na avaliación de Conafe do mes de novembro. Trátase dun animal nado en xuño de 2014 grazas a un programa financiado pola Deputación Provincial de Lugo e que reúne unhas extraordinarias cualidades xenéticas, de modo que o seu destino é converterse en nai de excelentes produtoras de leite e sementais de alta valoración.

Nas probas de maio de Conafe Baixo Castro Sargeant Silly ocupou a segunda posición como mellor xovenca Holstein de España, ocupando a primeira praza outra novilla galega: Campo 0383 Meridian ET, da gandería Campo de Lucín SC (Dumbría-A Coruña)

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada