Carne

Baixadas dos prezos medios dos becerros de recría en Silleda

A recría acusa unha redución das cotizacións na Central Agropecuaria de Galicia. Os becerros carniceiros de Rubia Galega cotizan á alza. Continúan as subas nos leitóns e mantense sen cambios o porco cebado e o mercado do ovo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 03/08/2022 8:32 a.m.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos medios da recría. Nos becerros carniceiros os de Rubia Galega cotizaron á alza, segundo os prezos medios que proporciona a feira, que serven de referencia para o sector. No vacún maior non houbo tendencia clara e apreciáronse variacións nas diferentes seccións.

As mesas de cotización do porcino mantéñense con subas nos leitóns e estabilízase o prezo do porco cebado. O mercado do ovo mantense cos prezos da semana pasada.

Facemos un repaso detallado polos prezos medios das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 120 euros, o que amosa unha baixada de 5 euros con respecto da semana pasada. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio reduciuse en 6 euros e sitúase nos 142 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días amósase unha baixada de 55 euros do valor medio con respecto da semana pasada. Así, nesta feira o prezo medio foi de 172 euros.

A tendencia tamén foi á baixa nos becerros de recría de cruzamentos industriais. Porén, os becerros máis novos, os de menos 20 días foron a excepción, cunha suba de 12 euros, de maneira que acadaron os 231 euros. Mentres, nos becerros de entre 20 a 50 días houbo unha baixada de 29 euros e o prezo medio queda nos 278 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, a baixada foi de 48 euros e o prezo medio quedou nos 422 euros.

En canto ós becerros carniceiros, os animais de cruces industriais cotizáronse a un prezo medio de 1.027 euros, cunha baixada de 8 euros. Nas femias a redución foi de 32 euros e agora o valor medio é de 897 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega, o prezo medio situouse nos 1.241 euros, logo de sumar 108 euros. Nas femias desta raza produciuse un incremento de 20 euros e o valor medio é de 998 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema, o prezo medio acadou os 1.101 euros, logo dunha suba de 36 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

No vacún maior non houbo unha tendencia predominante. As vacas da extra tiveron unha redución de 17 euros e o valor medio queda nos 2.030 euros. Os animais de primeira incrementaron o seu valor en 46 euros e sitúanse nos 1.167 euros. As vacas de segunda reduciron o seu prezo en 20 euros e acadan un valor medio de 765 euros. Os animais de desfeito cotizaron á alza, cunha suba de 77 euros e acadaron os 506 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio acada os 2.200 euros, logo dunha suba de 725 euros.

Subas nos leitóns

Este martes, a mesa de cotizacións do porcino acordou manter os prezos para o porco cebado. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,715 e 1,690 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,195 euros. Os animais de descarte cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Nos leitóns a suba dun euro deixa os exemplares chegados dunha única granxa nos 55 euros (cun prezo de 2,75 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías a 50 euros e cun prezo por quilo de 2,5 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da XL cotízanse a 2,45 euros a ducia. Mentres, os da L están nos 2,15 euros, os ovos da M atópanse a 1,76 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada